Ernesto Romero

Emilio Rodríguez Portabales

OURENSE

Coñecín a Ernesto Romero o 24 de agosto de 2007, cando acudín ao seu cine de Leiro para ver a proxección do filme Alma Gallega . Ernesto era o que recibía á xente e a ía acomodando, foi o que proxectou o filme e o que, ao seu remate, saíu saudar aos asistentes, interesándose polo seu parecer sobre o que acababan de ver. Xa entón me pareceu un caso extremo de amor á arte, pero agora veño de coñecer que acaba de hipotecarse, acudindo a un familiar como aval, para poñer ao servizo dos 1.800 veciños de Leiro a última tecnoloxía do cine, é dicir, o 3D. Convirán comigo que este xesto supera calquera proba de cariño por unha profesión ou actividade que se poida imaxinar. Un empeño tan desinteresado e pertinaz coma o de Ernesto Romero non debería pasar desapercibido ao CGAI nin ás autoridades da Xunta. Animo dende estas liñas aos responsables do Festival de Cine de Ourense a homenaxear a este noso paisano. E mesmo, ¿por qué non? a proxectar algunha película do Festival na súa querida sala de Leiro. Vou ir un pouco máis lonxe e propoño que se lle conceda un Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. Teno tan merecido como algúns dos que o recollen cada ano.