«Eu nunca vin ''CSI''»

OURENSE

Axuda a policías e xuíces de todo o mundo. Coa mostra dunha pegada, o seu equipo pode saber a orixe dun sospeitoso

26 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«O ADN revolucionou por completo a investigación criminal e a medicina forense». É a conclusión que plantexa Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955), unha autoridade recoñecida a nivel internacional no estudo da xenética. Dirixe o Imelga (Instituto de Medicina Legal de Galicia), ubicado en Santiago e un centro de referencia na investigación e no análise de ADN (realización de probas de paternidade, criminalística biolóxica, casos de identificación de cadáveres...). A sociedade en xeral, pero sobre todo os xuíces e as policías benefícianse das súas investigacións. Sirva como exemplo a loubanza que lle fixo esta semana na Coruña o máximo responsable da Policía Científica en España, quen non dudou en agradecer a Carracedo a axuda que presta no esclarecemento de crimes complexos.

-Felicítao a policía española, pero o Imelga tamén recibe peticións de axuda para investigar delitos cometidos noutros países.

-Chámannos de moitos países do mundo. Non é un laboratorio de moita rutina, temos relativamente poucos casos, pero normalmente son difíciles, casos que non foron quen de resolver noutros laboratorios, ou nos que hai que aplicar ferramentas que nos temos xa moi desenvolvidas, porque o noso é un laboratorio que fai investigación moi punteira.

-Scotland Yard chegou a pedirlle axuda para saber a orixe xeográfica dun violador en serie.

-Nós e outros grupos traballamos nese caso. Coñecer a orixe xeográfica a partir dunha mostra de ADN é unha proba cada vez máis demandada por policías para orientar as investigacións e estreitar o rango de sospeitosos. Hai certo debate ético en torno a facer cousas sobre ás características físicas, e dende o meu punto de vista é lexítimo facelo. Non vemos ningún problema nesa investigación de rasgos físicos. O risco é se se usa para outros fins, pero se é para axudar a levar adiante investigacións criminais parécenos lexítimo.

-Vostedes tamén prestaron axuda na investigación dos atentados de Madrid do 11-M. ¿Impactoulles aquela catástrofe?

-Nos non vamos ao lugar dos feitos. Neste campo non sufrimos tanto o impacto. A nós chégannos as mostras que recollen as policías científicas na escena do suceso. Para nós, os casos son mostras, máis ou menos complicadas de averiguar sobre elas. No caso do 11-M, o interesante foi que nos pedían a orixe xeográfica dunhas certas mostras, algo que non se fixera nunca. E foi satisfactorio ver que iso puido axudar aos xuíces, que a nosa investigación punteira serviu para saber á orixe xeográfica duns determinados perfís de ADN. Cunha única mostra dunha pegada puidemos dicir que a orixe das mostras era norteafricana. Simplemente coa pegada que queda ao tocar unha prenda se pode saber a orixe xeográfica dunha persoa, cunha certa precisión que cada vez traballamos para afinar aínda máis. Tamén se pode saber a cor da pel, a cor dos ollos. Todo a partir do ADN que se quita dunha simple pegada.

-¿Hai cadáveres imposibles de identificar?

-Mais que do cadáver depende de que haxa mostras ou datos para poder comparar. O que é moi raro hoxe en día é non poder obter un perfil de ADN de calquera cadáver ou resto humano. Pero moitas veces non tes con quen comparar, que é o problema máis frecuente. Logo hai familiares que non queren dar unha mostra para comparar, como pasa en Kosovo, onde moitas persoas non queren dar mostras por medo a que lle confirmen que o seu familiar está morto.

-¿O que fan vostedes ten algo que ver coa serie de televisión «CSI»?

-E que eu nunca vin CSI , por iso non podo dicir como é. Pero do que estou seguro é de que ningún caso forense se soluciona no tempo que dura un capítulo da serie CSI . Iso seguro, hai moito máis traballo nun laboratorio real. Eu non vin CSI , pero dáme a impresión de que a vida real é un pouco diferente.

-¿Reconforta investigar delitos?

-Traballamos en xenética aplicada, tanto en xustiza como en medicina. Intentamos axudamos aos xuíces, ás policías, aos médicos e aos doentes. Moitas veces non somos quen de axudalos, pero a xenética cada vez é capaz de dar resposta a máis preguntas. E sempre é satisfactorio que as nosas investigacións poden ser aplicadas en axudar á xustiza e á medicina.