Novoneyra inspirouse no Sil

María Cobas Vázquez
María Cobas O BARCO/LA VOZ.

OURENSE

O Barco lembrou a composición que o poeta do Courel creou, por encargo de Lauro Olmo, despois dunha visita á vila no 1988

20 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Uxío Novoneyra non naceu no Barco. Tampouco viviu aquí. Mais iso non fixo falla para que a vila estea presente na súa obra. Mostra disto é Canto ó Sil, o poema que o autor homenaxeado co 17 de Maio compuxo entre os días 20 e 21 deste mesmo mes alá polo 1988.

Facíao atendendo unha encarga do dramaturgo Lauro Olmo, «con quen paseaba polo Malecón, cara á tardiña, tras asistiren ambos á feira do Libro», segundo se recolle na información que o historiador local Ángel Fernández recompilou e que serviu de base para a homenaxe feita onte. Segundo contaron despois varias testemuñas (que camiñaban canda eles daquela), foi naquel intre, tras mirar para un río que ía «ó ras cheo d'auga», cando Olmo lle dixo ao seu acompañante que lle tiña que escribir un poema ao Sil.

Esa mesma noite, de volta no hotel, o poeta crea os quince versos de Canto ó Sil, que ese mesmo ano publicou nun cartafol con gravados de Alfonso Costa titulado A illa verde.

Onte Novoneyra voltou ao Barco. Alomenos a súa voz, que se puido escoitar recitando os seus propios versos a través dunhas gravacións. Mañá (a partires das 10.00 horas) serán outros os que os reciten, no maratón de lectura de Vagalume, na praza do Príncipe.