Máis actividade para Trasalba

OURENSE

29 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai espazos que só co seu nome definen sensacións, territorios, historias, ilusións, utopías e sofrimentos. Co paso dos séculos e dos acontecementos foron quedando uns cantos polo camiño, de Fisterra a Compostela e do Caurel á Carral. Trasalba é un deses lugares máxicos para unha Galiza que sempre soña co futuro, con esa utopía que o pasado domingo reivindicaba o ex presidente da Real Academia Galega á hora de recoller o premio que leva o nome do lugar onde se asenta a Casa Grande de Cimadevila, o pequeno paraíso de Otero Pedrayo onde tantos proxectos e iniciativas se xestaron e onde tamén, como lembraba Xesús Alonso Montero, se viviu a dor da represión e a ausencia dos que se foron contra a súa vontade.

Se é certo ese lugar común de que hai dous espazos sobranceiros en Galiza para a historia e a cultura, Trasalba e A Matanza, non menos certo é, no noso caso, que ao mellor debería ter máis presenza na vida social e cultural desta provincia e do país o que garda a memoria e o legado de Ramón Otero Pedrayo. A cita do último domingo de xuño é xa un acontecemento histórico para Galiza, pero tamén unha cita que pide continuidade no tempo e propiciar a implicación das persoas que están a escribir a historia e a nosa cultura e que aínda ven lonxe bioloxicamente a súa idade de xubilación.

Se contamos nesta provincia co auténtico privilexio de ter un espazo como Trasalba, sen desmerecer outros que amosan unha importante actividade en terras de Celanova ou de Allariz, por que non aproveitalo e dinamizalo para que sexa un importante referente da cultura ourensá e galega durante todo o ano. Que os grandes nomes deste país teñan unha cita anual en Trasalba e que a cultura nas súas diferentes manifestacións fagan da Casa Grande de Cimadevila lugar de encontro para os seus máis variados proxectos e propostas.