A bagaxe dun festival adolescente

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

A mostra sobre os 15 anos do OUFF dá conta da presenza en Ourense de importantes persoeiros do sector, aínda que a selección só abrangue parte das edicións celebradas

08 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Sen se decatar, sen moito balbordo mais con moito traballo, e con moitos anceios e ilusións -e con atrancos e propostas esnaquizadas antes de nacer- aquel proxecto de dotar a Ourense dun festival de cine que comezou tatexando hoxe é unha importante realidade. Da man do desaparecido Eloy Lozano, e con apoio do Concello de Ourense, a cidade erguía a bandeira e o legado dun pasado, o seu, que a situara nos anos 70 na vangarda do movemento audiovisual de Galiza e que gravara en letras de ouro episodios, proxectos, citas -«o cine galego é consciente da súa nada, e a partir de aquí hai que empezar a traballar»- e presenzas históricas: das chamadas a capítulo do TOP (Tribunal de Orden Público) ao regreso de Carlos Velo á súa terra e á cidade onde empezou a experimentar co cine.

Tres lustros de existencia dánlle ao OUFF unha pequena pero interesante historia que se recolle en imaxes na mostra 15 Anos de Cine, que se pode visitar no Café Xesteira, e que se foi escribindo con nomes propios. Nomes de directores, actores, productores, distribuidores, programadores e outros especialistas que se recollen nas fotografías. Entre outros, pasaron nestes anos polo OUFF Daniel Monzón, Miguel de Lira, Ignacio Vilar, Patxi Bisquert, Fernanda del Nido, Lise Lense, Xosé Manoel Oliveira, Antonio Durán, Clare Downs, Manuel González, Kristina Trapp, Antonio Costa, Sergio Borrelli, Mario Iglesias, Eloisa D' Orsi, Jorge Algora, Csaba Bollók, Veronica Chen, Zoltan Kamondi, Alfredo Landa, Luis Tosar, José Sacristán, Eduardo Blanco, Marta Larralde, Eloy de la Iglesia, Xavier Bermúdez, Joaquim de Almeida, Sergio Pazos, Pepe Sancho, Imanol Arias, Mercedes Samprieto, Concha Velasco, Tristán Ulloa, Emilio Gutiérrez Caba, Marisa Paredes, Fernando León , Montxo Armendariz, González Sinde o José Luis Cuerda.

Ausencias notables

A escolma só recolle os últimos anos -os dos festivais dirixidos por Sola e Nicanor- e non aparecen, entre outros, personaxes como Javier Bardem, Amenabar, Sergi López, Pilar Bardem ou Jean-Xavier de Lestrade, que viñera á cidade co seu Óscar.