Unha das importantes ventaxes que ten disfrutar da indispensable presenza dun mestre da traxectoria, sabiduría e compromiso de Gregorio Peces Barba é poder cotexar o paso do tempo e as contradicións que vai tecendo a historia. Sempre lúcido e independente, sorprendeu onte que algúns dos que soen acudir a calquera troula, balbordo ou fantochada que lles serva para sair na foto e apañar uns votos non se deixasen ver pola universidade. É lóxico: uns porque estaban certos que era prescindible porque o vello profesor non lles ía ensinar nada, coincido con eles, e outros por estar convencidos de que non é convinte neste intre sair na foto (Peces Barba puxo no seu sitio a ZP e Pepiño nas primarias madrileñas e non é do caso arrimarse moito).
Laiouse o ex presidente do Congreso da desaparición do servizo militar como esquema de formación da cidadanía e á hora de falar da obxeción de conciencia lembrou que os que se opoñían ao servizo militar tamén o facían á prestación por seguir o mesmo esquema. Si e non. Ese razoamento só era unha parte, a outra, tan importante ou maior que esa, era o acordo de obxectar á prestación social porque intuíamos que o PSOE ía traizoar aos obxectores, como antes fixera coa OTAN, e nós ía castigar aos primeiros en cumprir a prestación con destinos o máis lonxe posible da casa. Daquela corrías o risco de perder o traballo e iso meteríalle o medo á xente e deixaría de crecer o número de obxectores. E o Goberno socialista cumpriu con creces, pero a obxeción creceu e a mili obrigatoria desapareceu.
Tamén criticou a gobernos do PP por cometer «aberraciones», ademais de deslealtade á Constitución ao doar terreo público para construir colexios privados. De acordo ¿E que o Concello de Ourense aporte diñeiro para obras nunha capela privada como Os Remedios?, xestionada por un colectivo religioso con superavit, ¿como se chama?