No libro Marcos Valcárcel, o valor da xenerosidade, editado no 2009 como homenaxe dos amigos o intelectual ourensán, rubricaba unhas verbas que hoxe, co corazón cheo de tristura polo seu pasamento, teñen plena actualidade. Dicía entón: «Dende que o coñecín fai tres décadas na Delegación de La Voz de Galicia lle profeso admiración polo seu traballo, pola súa coherencia, polo seu sentido común (''o sentido común é instinto; suficiente sentido común é xenio'', que dicía Bernard Shaw), pola súa imaxinación posta ao servizo da cultural da vella Auria... Dende esa admiración, non exenta de discrepancia dialogada (tan só os egoístas se aman a si mesmos máis que á verdade), descubrín un novo vencello que unía as nosas traxectorias. Os dous -el como alumno e eu como mestre- habíamos coincidido nos albores da democracia nun colexio, xa desaparecido, chamado Nuestra Señora del Pilar. Nel habíanlle diagnosticado que non servía para estudar. Botou abaixo, con infinito éxito, o mal prognóstico e triunfou como escritor, como mestre e como intelectual galego. Cando fervía media Galicia polas ilusións que supuxera a chegada no 2005 da esquerda ao poder escribín: ''Es el intelectual ourensano más injustamente tratado tras el triunfo de la izquierda en Galicia. Marcos Valcárcel, de ser número dos de Quin en las listas del BNG en las generales del 2000, pasó a estar ninguneado por una organización a la que defendió con pasión desde su más tierna infancia. Así de injusta es a veces la política''. Tan só me queda agora subliñar a coherencia e a clase de Marcos. Levou a marxinación en silencio e non foi, como un mal converso, un predicador en contra do que tanto amou, o nacionalismo. E iso o fixo grande unha vez máis. E para sempre. Porque, como dicía Vicente Risco e el lembraba no seu blog As Uvas na solaina, ''ser diferente é ser existente''». Marcos Valcárcel foi diferente polo que existirá para sempre na historia de Ourense e no noso corazón.