Juan Manuel Jiménez Morán

Juan Manuel Casares Gándara

OURENSE

14 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

Coñecín a Juan Manuel en Verín durante a campaña das autonómicas do ano 1997. Eu militaba en Novas Xeracións e tiña xa unha idea nidia da diferenza entre o ser e o deber ser dos líderes, entre o que son e o que se agarda deles. Aquel día escoitei a un bo político, ollei a un líder movéndose con empatía entre os seus veciños e, o máis importante, topei cunha gran persoa. Anos máis tarde, en 2005, durante a campaña do congreso sucesorio de Manuel Fraga, traballei no equipo de López Veiga, xunto a amiga Inmaculada Rodríguez, salvando todos os atrancos que poñía un réxime nos seus derradeiros estertores. A pesar da orde «urbi et orbe» de José Luis Baltar de que non foramos recibidos por ninguén en Ourense, Juan Manuel Jiménez Morán, cun rexo senso da democracia e a liberdade, organizounos unha reunión comarcal para que relatáramos as nosas propostas. Non nos apoiou pero deume unha lección que sempre lembro con moita gratitude e recoñecemento. Hai case un ano, no congreso provincial, apostei por el. Apostei pola democracia fronte o autoritarismo, a liberdade fronte o decreto, o partido fronte a secta. E pasou o que pasou. Un herdou, mais non todo, e outros sementamos esperanza. Hoxe eu agardo estar canda el, vibrando con el, ollando coma un líder non nace senón que se fai, ou como os liderados nin se mercan, nin se venden, nin se herdan: só se gañan.