Na memoria dun precursor

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Henrique Torreiro lembra na páxina do Consello da Cultura Galega a débeda da banda deseñada con Benito Losada

17 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O traballo de Benito Losada a prol da Banda Deseñada e a importancia desa implicación no pulo que na actualidade amosa o sector en Galicia e o seu recoñecemento no Estado e noutros países ten sido destacado de forma unánime por autores e especialistas dende hai tempo, e máis co gallo do seu pasamento. Onte era un dos seus máis directos colaboradores dende hai anos neste e noutros proxectos, Henrique Torreiro, o que lembraba esa faceta na páxina de novidades culturais do Consello da Cultura Galega nun artigo titulado Entre as viñetas.

Torreiro afirma na súa colaboración na páxina do Consello que «o labor que Benito Losada desenvolveu ao longo de varias décadas resulta imprescindible para entender a actual boa saúde do cómic galego». O autor do artigo lembra que a mesma dinámica que Losada empregou co cómic e a banda deseñada a levou a cabo noutras iniciativas, de aí o pulo que acadaron proxectos como o Outono Fotográfico e outros promovidos dende a Casa da Xuventude de Ourense.

No ermo que supoñía o Ourense dos anos 80 a Casa da Xuventude promoveu varios concursos de cómics e as obras gañadoras foron publicadas no número cero da revista Frente Comixario. Era unha época «en que falar de cómics era diametralmente diferente ao que pode ser hoxe. Lonxe da industria, máis tamén lonxe das tendas especializadas (en Ourense era imposíbel comprar outros cómics que non fosen os que chegaban aos quioscos e os tradicionais Brugera e máis Tintín e Asterix), a BD na nosa pequena cidade era un asunto inusitado». A importancia que tivo en todo este proceso o contar cunha biblioteca especializada na Casa da Xuventude e outro aspecto que se destaca no artigo.

Prestixio e recoñecemento

Para Torreiro «se Benito chegou ter tanto prestixio non foi por casualidade: había nel o pouso de moita lectura e moita reflexión interiorizada sobre como facer as cousas, unha serie de principios que xa tiña tan asumidos que os naturalizaba co seu carácter informal e retranqueiro. A banda deseñada ten agora, en Galicia e en toda a Península, unha presenza e un prestixio social que eran impensábeis hai anos. Todo o traballo desenvolvido por Benito Losada ten bastante que ver con esta nova realidade, e é de xustiza recoñecerllo». En Entre as viñetas Henrique Torreiro apunta algunhas das facetas que convertiron a Benito Losada nun auténtico dinamizador cultural capaz de implicar e motivar a persoas, colectivos ou institucións de moi diferente calado ou procedencia, salientando a súa implicación «que ía dende montar un cadro, a preparar viaxes para os convidados ou cargar coas caixas de libros».