Ourense ten dereito a sabelo

Xosé Lois Carreira

OURENSE

28 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Faltoulle tempo a nosa serenísima maxestade Baltar para saír á palestra a rentes do caso do proxecto automobilístico de Melón. Un millar de empregos directos e 26 millóns de euros de investimento non é para menos. Malia todo, o autoanuncio do presidente levaba entre liñas certo envoltorio desesperado. Esa especie de maxistral proclama a xeito de xaque pastor cun resultado semellante o da conquista do salvaxe oeste a dous meses vista dunhas municipais deixa moito que desexar dun pletórico Baltar sénior, cada vez máis abafado polo overbooking e a austera garabata de Feijoo, cando para arrimar a ascua electoral á súa sardiña non ten outra que botar man de Agatha Christie e das intrigas palacianas provinciais nunha misteriosa trama de xogadas na sombra, segredos e argucias administrativas coas cales Baltar pai foi quen de materializar semellante épica empresarial. Nos bos tempos do virreinado houbéralle chegado cun sopro de trombón e «si no eres del PP, jódete». Así e todo, estes populares son uns artistiñas do ministerio de propaganda, tanto como falsos profetas prognosticando a corrupción do BNG nun amañado concurso eólico que agora a xustiza recoñece legal, como na captación da vontade allea, senón que llo pregunten ó alcalde de Lobios por omisión ou ó de Rairiz de Veiga por bo coñecedor da materia escura. Ben, o caso é que dada esta deñada obsesión do PP pola conquista e anuncio de grandes fitos empresariais para Ourense que ceiben por fin ó noso vetusto tecido empresarial do perenne atranco, como é posible que non digan nada da aldea ou concello dun proxecto tamén recente, cunha envergadura empresarial semellante ou mesmo superior a de Xero, cunha inversión inicial 10 veces meirande rondando ós 245 millóns de euros, que segundo o PP estará impecablemente situada na nosa provincia e que tamén xerará milleiros de empregos. Como é posible logo que aínda non saíran tamén á palestra a dicir que concello levará a lotería da incineradora do sur, todo Ourense ten dereito a sabelo xa.