Primeiro, educar os afectos

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE

A actriz salienta a educación sentimental recibida no colexio Josefinas

28 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando a actriz Fina Calleja chegou ó patio do colexio Josefinas andaba polos 4 anos e apelidábase López Gómez. O de Calleja é unha homenaxe á ávoa materna, lembra sentada fronte a quen foi a súa primeira mestra, a madre Esperanza: «Esperanza a secas -sorrí- ahora no nos llaman madres».

A historia escolar da «Moncha» de Padre Casares comezou nas Josefinas por tradición familiar, «pero empecei en Golpellás (Calvos de Randín), onde a miña nai era mestra da unitaria. O primeiro día que entrei neste colexio pareceume xigantesco». Superada a EXB, Fina fixo o bacharelato no Otero Pedrayo e despois colleu cara á Madrid para facerse xornalista e estudar na Real Escola Superior de Arte Dramática e Danza. «A primeira vez que fixen teatro foi nas Josefinas; aquí preocupábanse moito da creatividade; era unha obra que se chamaba Pluf, el fantasmita. O que son as cousas!: unha vez que estivenen Sao Paulo, atopei unha libraría marabillosa, fun á sección de infantil e a primeira obra que engancho, cal é? Pluf, el fantasmita!».

No propio colexio atopou Fina máis puntos de conexión co teatro. En 5º de EXB puido colaborar coa Aula de Teatro de Salesianos, daquela só con alumnado masculino e necesitados, por tanto, de xénero feminino para algunhas postas en escena. Dese xeito empezou a rodarse sobre as táboas e así coñeceu a Serxio Pazos. No Otero Pedrayo viviu outra casualidade con proxección: foi compañeira de pupitre de Fernando Dacosta e os dous impulsaron a creación dunha aula de teatro no instituto, que o segundo ano contou con Ánxeles Cuña como directora. O círculo de Sarabela cobrou forma definitivamente.

Sentada de novo no seu colexio e xa nai, Fina Calleja valora especialmente a educación recibida: «En idades tan novas o máis importante é que eduquen os afectos; despois virá o tempo dos coñecementos e as habilidades. É a maior garantía para que os nenos sexan persoas de ben e eu tiven a mellor educación sentimental coa madre Esperanza». Ésta súmalle un factor á ecuación: «Es muy importante la familia. Lo más importante es querer al niño, antes que enseñarle; él tiene que ver que es importante para ti, que todo lo que hace tiene mérito; tanto la familia como los profesores tenemos que valorarlo. Hoy el niño está muy solo, no como en la época de Finita».

Ver á súa alumna nos escenario non lle sorprendeu a Esperanza, que lembra a Fina como «muy teatrera». «La vi en Padre Casares, pero la verdad es que no mucho. Me gusta más la lectura que la tele y, además, no tengo tiempo porque hay que prepararse para estar al día en las clases». A lalinense Esperanza declárase namorada do ensino: «El niño es una persona transparente. Aprendo yo más de ellos que ellos de mí».

«Hai unha cousa que non cambiou na madre Esperanza: o sorriso. É o que recordo dela, e eses olliños que ten, que están sempre chispeando. Levaba hábito, marrón, e era delgadiña. Lembro un día que me doía moito a cabeza ou unha moa, non sei; a madre Esperanza sentiume chorar e levoume á parte do colexio que era a residencia das monxas para darme unha galleta e unha aspirina. Cando volvín á clase estaba totalmente emocionada para contarlle ás compañeiras que estivera nese lugar tan misterioso».