T
endo en conta a fase na que estamos, a 50 días das eleccións municipais, case que todo está embrullado nese papel de regalo que se chama cun pouco de cambadela «promesa electoral». Seica que imos producir un coche eléctrico nesta provincia de nome pouco dado a prosperar nas preferencias dous ourensáns, tanto que algúns xa se sumaron á causa aportando o seu apelido para bautizar ao famoso «becho». Ao mellor pasamos á historia por unha denominación singular, da mesma maneira que os cidadáns «rebautizaron» proxectos famosos das grandes marcas: Escarabello, Tiburón, Ás de Gaivota, Leiteira, Dous Cabalos, etc. Sexa como sexa tamén lle podían chamar Cochemelón, Melón con Rodas, Pardellasmóbil ou vai ti a saber. O que xa non semella que teña moita brincadeira é a forma na que se fan as cousas neste país. O alcalde de Melón non entrou no Guinness de marcas mundiais no seu día coa tentativa de facer o chourizo máis grande do planeta aínda que podería facelo polas súas ocurrencias «industriais»: postulouse para acoller Ikea e non sei cantas grandes empresas, dende a Mitsubishi a calquera outra, e non ten nin parque empresarial, nin terreos, nin está feita a urbanización nin rabo de gaitas. Só un cartel de latón anunciando o proxecto. Pero Pardellas é así: un notición permanente. O que non semella serio é o papel da Deputación e da Xunta, habendo como hai parcelas a esgalla a vender nos parques de Xestur e co parque de Ribadavia a disposición.