A incompetencia popular

Xosé Lois Carreira

OURENSE

30 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Din os expertos que hai unha tripla alianza contra a sostenibilidade da comarca e da conca do Limia. O problema seica leva moitas décadas con nós e agora saíu a luz coa contaminación masiva do encoro das Conchas. O baixo caudal do río Limia xunto cunha mala práctica na xestión dos puríns e sumado á unha ineficiente depuración das augas fecais de Xinzo fixeron saltar as alarmas nun embalse que ata o de agora foi oasis fluvial da provincia. A limpeza manual das algas da superficie non deixa de ser un apaño estival, a punta do iceberg dun problema que a vista destas causas semella de bastante máis calado e complexidade. A solución pode que non sexa doada, máis si posible. Como. Plan de regadíos que remate coa esquilma hídrica do Limia, unha xestión responsable das miles de toneladas de purín que produce a gandería intensiva da comarca e unha depuración correcta das augas fecais de todo o concello. Aí é todo e aí é nada. O PP de Xinzo, sempre sensible ás doenzas da comarca da Limia, púxose xa mans á obra solicitando nun escrito que a Xunta materialice os regadíos, así mesmo Feijoo ven de sacar o plan reitor da ZEPA da Limia que literalmente prohibe novas granxas, e ó respecto dos 20 pobos e 20 rúas perimetrais de Xinzo sen depuración dirán que todo será solventado en breve xa que o saneamento de Xinzo é moi precario a pesar de ter a taxa máis cara da Galiza. De potenciar unha gandería extensiva que viabilice o actual excedente de purín para millo, pasto ou forraxe, nada de nada. De consolidar unha rede de saneamento e depuración global, moderna e eficaz, nada de nada. E de garantir o caudal ecolóxico necesario cunha xestión hídrica eficaz da conca do Limia coa materialización definitiva dos plans de regadíos, aínda menos. Fronte a todo isto, porto náutico, macro centro cárnico e máis fume de incineradoras. A vista da xestión do PP na última década tanto na Limia como na Xunta dedúcese a verdadeira causa do problema das Conchas: a incompetencia popular.