O lugar no que nunca ocorre nada

Juan Tallón

OURENSE

21 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai moitos xeitos de apagar un incendio, entre os que está, curiosamente, permitir que avance. Baixo esta idea agóchanse as posicións dalgúns teóricos dos conflitos que defenden que os problemas resólvense sos. Non importa que natureza posúan, si son domésticos, internacionais, forestais... O importante é que anden ao seu aire. Nada de intervencionismos. Calquera problema, na mesma medida que reverdece, cansa, e, chegada a hora, arránxase polo seu propio peso. Asfíxiase a si mesmo e esmorece. Nada é grave dabondo. Esta modalidade de ontoloxía ultraliberal considera que as dificultades fertilizan sobre a posibilidade dunha solución. Non hai problema se á vez non existe unha vía para chegar a un desenlace feliz. Antes ou despois, o conflito regresa ao seu sitio por inercia, nun movemento natural cara a paz orixinal a partir da que comezou a agravarse.

A idea de que tamén os incendios poden apagarse sos é poderosa pero controvertida. Non calquera vale para deixar que o problema flúa. Precísanse grandes facultades para minimizar por sistema as dificultades. Cómpre unha optimismo a ultranza. E certo nihilismo. Só crendo que non hai conflitos graves, e que o baleiro é un valor, é posible deixalos ao seu aire para que se arranxen. Hai que ter, de feito, unha confianza extrema na desregulación da gravidade. Talvez lembre esa escena de Chinatown na que un axente de policía, ao ver esnafrado a Jack Nicholson no papel do detective privado Jake Gittes, lle pregunta: ?Meu deus, que lle pasou no nariz?? ?Corteime mentres me afeitaba?, responde Gittes. ?Debe doerlle moito?, prognostica o axente, ao que replica o protagonista: ?Só cando respiro?. Este xeito co que Nicholson minimiza o feito de que respira permanentemente, e que por tanto a dor é continua, axuda a entender como se resta gravidade a un conflito abafante.

Aqueles homes felices que non ven nos problemas senón un instante livián dun proceso que acaba ben, saben que ningún incendio dura máis aló no tempo que o que tarda en esgotarse o material combustible. Esteamos tranquilos: o baleiro non arde, e xa queda menos para chegar ata el. Daquela descansaremos.