emos a alacena da paciencia esgotada. Os rapaces bótanse á rúa porque están fartos de monicreques que van pedir votos amparándose en frases que son insultos -ata me lembro dun que hai catro anos anunciou todo farto de coñecerse que ía aprender a linguaxe dos xordos nun ano para voltar xunto ao colectivo e entenderse con eles sen intérprete. E ata hoxe-. O que queremos é que nos convenzades de que paga a pena votar e que se o facemos que sexa por un compromiso inequívoco con esta provincia e co futuro dos seus cidadáns. Non veñades con «cochiños eléctricos» que xa os teñen os das festas, nos vendades un falso compromiso social para desviar a atención de que non tendes onde gañarvos a vida fóra do pote común da política, non faledes de AVE -¿que pasa que os cartos para construir a liña ponos Blanco do seu peto? ¿e eles non virán dos impostos que pagamos todos? ¿e non vos da vergoña vir con esa estampiña cando hai máis de dúas décadas que disfrutan do AVE na meirande parte do Estado?-, nin de copago sanitario, nin de apoio ao emprego e aos marxinados cando vós non cumprides tributariamente, nin do que non fixéstedes antes e ides facer agora.
Falade de nós, desta provincia, dos cidadáns que emigran, dos mozos que se desesperan porque nesta endogamia ourensana hai que ser escaso para ter futuro, falade do que ides facer e do que estades dispostos a perder se non cumprides. Necesitamos intelixencia, non pegotas.