empre sentín unha gran simpatía, e por que non dicilo, unha certa admiración, polo grupo que, na dereita ourensá, alcumabamos coma «os tres do Ribeiro». Refírome a ese núcleo, case un cenáculo político, formado polos, daquelas, alcaldes de Arnoia (Rogelio Martínez), Beade (Senén Pousa) e Leiro (Francisco José Fernández). E malia que non comulgo con certas peculiariedades ideolóxicas dalgún deles, nomeadamente os «actos litúrxicos» de Senén Pousa, coido que hoxe abandonados, para min estes homes aínda representan o espírito conservador sostible que hai vinte anos trocamos por un populismo minifundista e curtoplacista. Un gran erro porque, penso eu, non é o mesmo parcelar todos os eidos produtivos e sociais de Ourense que defender, dentro dun contexto global, que o pequeno segue a ser belo e como tal hai que valorizalo; coma tampouco é incompatible o avance das novas tecnoloxías, símbolos da desenfreada carreira cara un futuro incerto, coa promoción da pedra, a auga e o viño, fontes, principio ou orixen, por cuestións ben distintas, da máis pura tradición galega e ourensá.
Por iso celebro, eu si, a candidatura ao Senado (grazas a Alberto Núñez Feijoo), de Francisco José Fernández. Xa que Paco de Leiro, coma o chamamos os da cruzada «boa e xenerosa», é un home con senso común, capacidade de xestión probada, visión de altura e a calidade, rara en política, de estar soamente onde pode achegar algo produtivo.