Cal se dun novo filme de Ridley Scott se tratara, a cámara deslízase nun preciso traveling percorrendo paseniño todos os ollos dunha descoñecida, agreste e ruinosa Ponte Vella; detense na súa entrada norte onde un feixe de vellos, putas e lisiados arrexúntanse a carón dun bidón de lume, improvisada e escilintante quentura no acougo. É a imaxe da evolución da que xa non se pode escapar hoxe. Sen escolas, nin servizos básicos, nin políticas activas pola súa dinamización a desaparición do medio rural será o primeiro e sinistro flas deste relato futurista. Cunha emigración sistémica que exilia do país as xeracións de mozos e mozas mellor preparadas e tamén as capaces de ter fillos topámonos cunha poboación anciá, empobrecida, sen recursos e cunha sanidade e servizos sociais privatizados de alto custe que as nosas baixas rendas e pensións non poden sufragar. A Galiza cunha caída da poboación ó ritmo de 100.000 persoas por decenio tópase na periferia dos 750.000 habitantes. Despois de decenios de furibundos gobernos populares fracasados nas súas políticas de reequilibrio a provincia de Ourense esmorece vítima da fuga masiva cara o eixo atlántico, os poucos que quedaron fóronse para Vigo ou Coruña que concentran o 90% do PIB do país na complexa industria da nanotecnoloxía e na bioenxeñería aplicada na arriscada colonización espacial. Neste relato de ciencia económica sen ficcións só hai unha comarca que resiste grazas a súa innata riqueza agroalimentaria, as cooperativas de transformación agraria e as boas comunicacións co resto da meseta, a comarca da Limia, onde a profesionalización, a alta mecanización e tecnificación da actividade agrícola, e sobre todo a máxima rigorosidade na aplicación de políticas agrarias, forestais e ambientais conxuntas fan posible tanto a continuidade xeracional das explotacións como as prácticas agrarias punteiras e de referencia europea baseadas no rigor, a sostenibilidade, a trazabilidade e o máximo respecto polo medio natural, raíz do seu traballo, riqueza e futuro.