«Desde o principio tería sido mellor non entrar no goberno»
04 nov 2012 . Actualizado a las 13:00 h.«Teño case 40 anos de militancia. Sei o que costa montar unha organización e, a min, que de repente unha cousa como esta se deteriore é algo que me subleva». Norberto Tabarés, que foi o primeiro concelleiro do BNG en Ourense, ten agora setenta anos, pero segue con atención a actualidade política. Di que o Bloque cometeu moitos erros no goberno municipal e que estará mellor agora na oposición.
-¿Cales foron eses erros?
-Creo que cegounos o poder e as nosas accións recordaban aos outros. O BNG sempre defendeu luz e taquígrafos e resulta que nos atopamos cunha cuestión dada a dedo nada menos que con un contrato a 40 anos e despois nos enteramos de que eses señores non están nin inscritos no Rexistro Mercantil. Iso as consecuencias que tivo foron terribles. ¿Con que autoridade moral podes ti atacar ao PP a partir dese momento?
-Pero o BNG deulle as costas aos implicados no caso dos paneis. ¿Non foi suficiente?
-Si, porque aínda por riba seguiron dando batalla e pretenderon recuncar nas eleccións seguintes cunha asemblea na que meteron a todo meter a unha serie de xente que non ten nada que ver co BNG. Iso nos fixo moito dano.
-¿Que balance fai de Sánchez Vidal como tenente de alcalde?
-Con todo o respecto, o dano que lle inflixiu a organización é incalculable. El é un tipo intelixente, pero fixo un dano grande.
-¿E de García Mata?
-A min sorprendeume que se adherira con tanto entusiasmo a ese home sabendo como estaba e que, cando no seo do BNG se lle dixo que podían ser imputados, dixera que, se fora así, dimitirían. Iso non é forma. Menos mal que se fixo a asemblea e se ganou, pero ti imaxínate que sae e despois os imputan.
-¿E da última, Isabel Pérez?
-É moi boa rapaciña, pero tal vez en algunhas cousas non foi capaz de ter axilidade e acertar. Ten algo ao que eu lle dou moito valor, que é a fidelidade á organización. Pode ser máis brillante ou menos, pero polo menos ten iso.
-¿Entón foi boa a decisión de saír agora do goberno municipal?
-Si. Desde o principio tería sido mellor non entrar no goberno. Para facer un papel de comparsas non merece a pena. Había que desmarcarse. Ademais, agora temos un alcalde que o primeiro que aparece é que ten unha filla traballando alí e que di que marchará cando el se vaia. É moi pouco edificante.
-¿Que tipo oposición debe facer a partir de agora o BNG?
-A min me parece que o BNG ten que volver ao que foi sempre, a ser unha organización combativa, que estaba na rúa.
-¿Frearase así a sangría de votos nas próximas municipais?
-Iso é facer futurismos. Iso tamén vai depender do que faga o BNG a partir de agora.
-E do que fagan os de Beiras.
-Tamén, claro. Beiras é unha persoa que ten moita habilidade pero aquí non sei que posibilidades ten isto. Teremos que velo a partir de agora. Aquí teñen unha persoa, a Iolanda, que non a coñezo. Está por ver.
-¿Que impresión tivo do que pasou coa operación Pokémon?
-Eu penso que facer unha cousa dese tipo uns días antes das eleccións dalgunha maneira interfire no proceso democrático. Despois hai cuestións que me parecen excesivas, como ter ao alcalde incomunicado durante 72 horas ou o caso de Fernando Varela, que polo visto só hai que dous tipos desa organización o mencionan. Pero el reaccionou moi ben, cousa que non fixo o outro e que motivou a ruptura.
norberto tabarés feijoo primeiro concelleiro do BNG no concello de ourense
«Temos un alcalde que o primeiro que aparece é que ten unha filla traballando alí»»