
O presidente da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño salienta que Ourense é un dos poucos lugares onde crece a afección
02 dic 2012 . Actualizado a las 13:00 h.No Liceo está o espazo da cidade co que José Barros Cachaldora se sinte máis identificado. Para a entidade non ten máis que palabras de agradecemento «porque acolle á nosa sociedade, que é unha entidade sen ánimo de lucro, e grazas á súa colaboración e ao espazo do que dispoñemos podemos facer cousas e sacar adiante os nosos proxectos» e no Liceo amosa todos os anos a Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño as súas coleccións e os selos que promove para a ocasión.
Barros Cachaldora botou toda unha vida de xastre: «45 anos, dende o 1962 ao 2007. Primeiro como xastre e, nos últimos tempos, tamén con tenda de moda. Foi unha profesión que se foi herdando na familia, xa meu pai e meu avó o eran, e que rematou comigo. Os tempos cambian: cando empecei había 105 matriculados na profesión, e cando me xubilei serían uns sete ou oito, e todos maiores».
A paixón de José Barros Cachaldora é a filatelia. Dende 1990 está na sociedade, que preside dende o 2004. Comezou, como se facía daquela, sendo un cativo «coleccionando caixas de mixtos, cromos e logo selos» e confesa que a falta de coñecementos levouno a perder as súas primeiras coleccións: «Eran referidas ás colonias españolas en África, pegueinos con pegamento nunhas follas, algo que non se debe facer, e perdín todo o que tiña. O pegamento come a cor dos selos e, ademais, non hai forma de despegalos ou rematan rachando».
O coleccionismo, e a filatelia en concreto, mudaron moito nestes anos, como lembra o presidente da sociedade Miño, antes «o normal era facer a colección dun país, ou sobre un tema concreto. Hoxe hai socios con coleccións temáticas moi boas sobre deporte, viños do Ribeiro, ríos de Galicia, faros e moitos outros temas». No seu caso as coleccións están centradas na época do reinado de Alfonso XII, na II República e nos enteiros postais.
O resposanble da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño insiste na importancia de pertencer a unha sociedade «porque é onde te poden informar, dicirche como se fan as cousas, aconsellarte e proporcionarche material» e de disfrutar da paixón pola filatelia e o coleccionismo: «Isto non o podes tomar en plan inversionista, a filatelia non é mercar selos e telos gardadiños nun caixón, iso non vale de nada porque non o disfrutas. Poden ter moito valor, pero para estar escondidos non paga a pena. O importante é disfrutar con isto, compartilo cos teus amigos, ou como neste caso cos socios, amosar as túas coleccións e os teus traballos. Iso é o mellor». Cada domingo, de 11 a 13 horas, hai cita na sede do Liceo e José Barros está satisfeito do traballo que fan: «Somos a única sociedade filatélica de Galicia que vai medrando en número de socios». No 2014 cumprirá medio século a sociedade creada por Xaquín Lorenzo, e na Miño xa están a recuperar materiais para unha exposición conmemorativa «que vai ser moito interesante pola documentación que estamos conseguindo».
José Barros Cachaldora naceu en Pereiro de Aguiar, en 1941. Exerceu como xastre durante 45 anos.
É presidente da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño. A sede da mesma está no Liceo de Ourense.
«O de Afinsa puido ser peor. En Ourense salvamos a todos, menos a dous»