Lembran o «traballo infatigable» de Fernández del Riego

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

OURENSE

Ana, a irmá de don Paco, non faltou ao acto<span lang= es-es >. </span>
Ana, a irmá de don Paco, non faltou ao acto. óscar vázquez< / span>

O acto conmemorou o centenario do nacemento do egrexio galeguista

17 feb 2013 . Actualizado a las 14:39 h.

Constancia, dignidade e lealdade foron as virtudes de Francisco Fernández del Riego subliñadas por José González, presidente da Fundación Lois Peña Novo, durante o acto conmemorativo do centenario do nacemento do egrexio galeguista desenvolvido onte na Alameda de Vigo.

O acto tivo lugar fronte a casa onde habitou o creador do Día das Letras Galegas ata a súa morte, hai dous e medio. O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; Carlos Varela, fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; o catedrático emérito Xesús Alonso Montero; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia; e Ana Fernández del Riego, irmá de don Paco, foron algunhas das persoas que acudiron á convocatoria da Fundación Peña Novo, que tivo durante moitos anos a Del Riego como presidente de honra.

Na primeira liña

«Don Paco mantivo durante toda a súa vida lealdade ao ideario galeguista, algo que, por non cumprilo, supón o fracaso actual do nacionalismo», expresou José González. «Era un traballador infatigable, non sempre na primeira liña pero constante, todos os días do ano», engadiu o motor do colectivo Galeguizar galicia. «Durante a década dos anos corenta mantivo a dignidade a pesar de recibir chamadas anónimas que lle recordaban que seguía vivo porque así o quería o enterrador», concluíu José González, quen se considera un discípulo de Francisco Fernández del Riego. «Estoulle moi agradecido por todo», afirmou.

Pombas e música

A Federación Colombófila Galega realizou unha solta de pombas mensaxeiras, unha acto parecido ao que lle brindaron ao fundador da Editorial Galaxia no seu derradeiro aniversario. Houbo tamén música coa presenza do grupo vigués A Roda.

O pasado mes de xaneiro cumpriuse o centenario do nacemento do que fora presidente da Real Academia Galega. Con tal motivo dende a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia decidiuse espallar diferentes actos conmemorativos ao longo do presente ano.

Dáse a circunstancia de que a Fundación Penzol, da que don Paco Fernández del Riego foi director durante moitos anos, cumpre tamén este ano unha cifra redonda, os cincuenta anos desde a súa posta en marcha.

Onte tamén estiveron na Alameda de Vigo algunhas persoas vencelladas coa Editorial Galaxia e a Fundación Fermín Penzol.