
«O PP somos a envidia de outros que agora están autodestruíndose»
04 ago 2013 . Actualizado a las 07:15 h.Non esperaba tantos cambios no grupo como para que a lista correse ata el, que ía no posto 14 da candidatura popular. «Eu ando ás miñas cousas e a verdade é que é algo que tiña esquecido», confesa José Araújo Fernández (Palmés, 1971), que substituirá a Guillermo Collarte, volvendo así a unha corporación da que xa formou parte entre o ano 2003 e o 2011, a primeira parte no goberno e a segunda, na oposición. Di que pode ser útil ao partido pola súa proximidade á realidade ourensá: «Creo que teño un coñecemento bastante grande das fortalezas e as debilidades da cidade».
-Vostede, que foi concelleiro de Cultura con Cabezas, ¿que opina da xestión do actual goberno nesa área?
-Os últimos anos, sobre todo no que vai deste mandato, a labor do goberno municipal está moi lonxe da realidade social. Aínda que eu entendo que os problemas económicos son para todos e tamén supoño que será moi difícil programar agora, si creo e teño falado disto con diferentes colectivos é que existe unha desconexión entre eles e o Concello. Iso é algo preocupante porque, aínda que non teñas a capacidade para atender a demanda dun colectivo o que si podes facer é escoitalo.
-¿Que valoración fai das últimas festas?
-Foron as peores da historia recente. Se non hai diñeiro para facer unhas grandes festas habería que reducir o número de días e ser estables na programación. Non hai que darlle tanta importancia a que veñan ou non grupos coñecidos, pero si que hai que crear ambiente festivo. A idea que eu tiña é de que a gastronomía formara parte da festa pero este ano, por exemplo, iso eliminárono.
-¿Que se pode esperar do festival de cine este ano?
-Con tan pouco tempo e cunha estrutura tan débil é moi complicado organizalo. Non sei cal será o resultado.
-¿Que faría vostede para revitalizalo?
-O que temos que ter claro é se queremos apostar polo festival de cine e, se é así, ten que ter unha estrutura permanente como tivo sempre e ten que haber un mínimo equipo que faga o traballo administrativo que hai que facer durante todo o ano para que o festival funcione. Se se quere facer apresa e correndo non vai funcionar e para iso é mellor que non exista, pero témolo que facer sen complexos que eu creo que é que o lle inxectaron tanto o bipartito como o goberno actual. Confundiron o saber estar co glamur. No momento en que deixan de traer persoas coñecidas por complexo ou por falta de capacidade de negociar para traelos, perdemos atractivo para o público.
-Xa o fai no partido, pero ¿suporalle algún problema traballar ás ordes de Rosendo Fernández tendo en conta a súa amizade con seu predecesor, Enrique Poly Novoa?
-Non. Teño unha relación cordial con el. Comigo sempre tivo un trato exquisito.
-¿Falou con «Poly»?
-Si, foi unha das primeiras persoas que chamei.
-¿Que lle dixo?
-Que está encantado. El sabe que a min me gusta participar na vida pública e cando llo dixen se alegrou.
-¿Non se sentirá traizoado por vostede despois de como o apartaron a el da política local?
-Non vou entrar niso. É un tema orgánico no que non entro. No seu momento houbo un congreso, houbo diferentes posturas, a miña é coñecida, pero, a partir de aí, eu creo que as cousas do partido hai que solucionalas dentro do partido e non son partidario de comentalas fora. O día que as comente deixarei de militar no partido.
-Da a entender que moi contento non quedou.
-Non. É que estamos removendo unha cousa que para min está xa esquecida. Forma parte do pasado. Desde que pasou todo iso, xa houbo eleccións autonómicas, Poly foi candidato e o partido funciona a nivel orgánico na cidade con total normalidade. Creo que incluso somos a envidia doutras organizacións que están agora mesmo autodestruíndose. No PP existiu unha evolución positiva.
-¿Ve a Rosendo Fernández repetindo como candidato?
-A min agora mesmo nada me apunta a pensar o contrario.
-Pero, ¿cree que sería un bo candidato?
-El leva facendo un traballo moi grande, dando a cara e creo que o máis xusto sería que el fora o candidato á alcaldía.
-¿Que pensou cando implicaron ao seu veciño de Palmés, ao exalcalde, Francisco Rodríguez, na operación Pokémon?
-Aí encóntrome con varias sensacións. Eu vivín con especial tristeza a situación pola que pasou o anterior alcalde porque somos veciños con moita convivencia desde que nacín e a verdade é que me entristeceu moito ver como foron as circunstancia. Como o detiveron e o tiveron incomunicado creo incluso que foi esaxerado. Eu espero e desexo que saia libre de todas esas cuestións porque un, a un veciño, so lle pode desexar cousas boas.
josé araújo fernández novo concelleiro do pp no concello de ourense
«A labor do goberno municipal está moi lonxe da realidade social»
«O festival de cine, cunha estrutura tan débil, é moi complicado organizalo»
«Está dando a cara e creo que o máis xusto sería que Rosendo fora o candidato»
«Vivín con especial tristeza a situación pola que pasou o anterior alcalde»