As eleccións sempre animan o panorama e as actividades que se organizan no día a día. Nunca tanto candidato e militante se viu nas feiras e mercados, nas citas sociais, nas deportivas e no que se poña por diante. Nin tanta concentración de políticos por morto cadrado se diu como desta volta na homenaxe anual á figura e á obra de Eduardo Blanco Amor. Todo compre para pular polo home, cavilaría máis dun. Iso e a falta de coordinación da intendencia provincial -o cambio do deputado de Cultura e do asesor nesta matería na Deputación deixaron sen megafonía ao acto por falta de coñecemento de causa- foron algunhas das novidades na cita con EBA do 2015. Superadas as anécdotas as boas novas viñeron da man de Arturo Lezcano, dos seus proxectos e das súas propostas. Xunto ás súas lembranzas das vivencias no tempo en que tratou a Blanco Amor, o xornalista recoñeceu que está a traballar nunha publicación na que recollerá as súas pescudas en Bos Aires tralas pegadas do escritor e xornalista ourensán. Ruco Lezcano percorreu os espazos onde viviu Blanco Amor, os locales que frecuentaba, o bar no que acostumaba a escribir e moitos outros lugares vencellados á súa memoria. A obra engadirá novos argumentos e materiais para manter vivo o legado do autor de Os biosbardos. E o mantedor da ofrenda anual ao escritor, dende a experiencia e o coñecemento, botou por riba da terra do cemiterio un consello: aproveitar as testemuñas aínda vivas, as que poden aportar aspectos descoñecidos, para que non se perdan para sempre experiencias e materiais vencellados con Blanco Amor. Bo e atinado consello.