Indignados

María Cobas Vázquez
María Cobas DENDE O OUTEIRO

OURENSE

11 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Vaia por diante que eu non estiven. Non vivín as desastrosas Festas do Cristo que moita xente critica no Barco. Non. E tampouco perdín moito, vistas as críticas. Ou tal vez si. Por momentos ata me gustaría poder dar marcha atrás ao reloxo e vir, aínda que só fora para criticar. Como están facendo moitos. Que xa parecen cans de presa agarrando un gato esfolado. ¡Mi madriña, que indignación! E non digo que non foran para indignarse (tampouco digo que si que foran que, repito, non estiven); pero non deixa de asombrarme que fora o tema tan polémico e que máis indignación xeralizada leva creado nos oito anos que levo eu por Valdeorras. Por momentos nas redes (certo é que nas redes a xente é de indignarse unha cousa tola, e despois as urnas din o que din...) parecía que había que queimar a alguén na fogueira por non traer á París de Noia sete días seguidos. E a oposición atopou aí o filón co que dar matraca seguido. ¿En serio é o tema que merece dúas comisións por primeira vez na historia? E entón indígnome eu. Non porque non me guste a París (que non me gusta), senón porque penso nas veces que houbo temas que de verdade eran para indignarse, e daquela só se indignaban uns poucos. Como cando aquela pizarreira agora pechada tiña aos traballadores sen cobrar (mentres os donos sacaban cartos a mancheas), ou cando hai outra que ten aos empregados sufrindo atrasos continuos (e os xefes van en coches de alta gama), ou cando quitaron unha praza de fisioterapeuta no hospital, ou cando o TAC non daba chegado, ou cando se soubo que os nenos do Julio Gurriarán pasarán un inverno máis sen pavillón, ou cando...