Que foi de Nós?

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

01 nov 2017 . Actualizado a las 12:15 h.

Non seremos nós, os que agora transitamos por estas xornadas que van da vendima á castañeira -por aquilo de citar a un dos autores desta historia-, os que lle deamos o protagonismo que merecen os membros da Xeración Nós e os promotores da revista do mesmo título. Dende os persoeiros que acadaron maior proxección intelectual aos que non tiveron ese percorrido histórico, todos foron necesarios e imprescindibles para conseguir un fito histórico, que non foi outro que xuntar aos mellores intelectuais, creadores e investigadores do momento para crear un movemento e unha publicación que achegou Galiza ás vangardas europeas e ao que se estaba a crear noutros pobos, de xeito preferente nos vencellados ás chamadas «nacións celtas».

E nesta cidade tan dada á botar foguetes e a ter pouco percorrido nas grandes propostas e proxectos que se anuncian, semella que a reivindicación da Xeración e da revista Nós non vai ter un destino moito mellor. Logo da foguetada e de ver xa na liña do ceo como se achegaban as celebracións do Centenario da Revista Nós fomos ficando sós -o mar e nós, que dixo o poeta- e nin «Día de Nós», nin capitalidade cultural no 20/20 nin anaco de pan que levarse á boca.

Chegados a este punto, o de volver a comezar, non sería mala idea retomar o bo que foi aparecendo polo camiño e desbotar as propostas faraónicas que foron agromando logo dalgunhas chuvias. Quedan tres anos para conmemorar o centenario da aparición do primeiro número da revista Nós e hai tempo para traballar arreo para conmemorar a data. Se queremos somos quen de conseguilo.