Entroido ES 32000

Marcos Guimarey

OURENSE

19 feb 2018 . Actualizado a las 11:18 h.

Volta a sardiña á terra, desta vai a boa; estou convencido, de esta vai a boa, desta cinza fecunda agromará o entroido do 2019. Quen é entroideiro, aínda nun domingo de piñata, xa lle falta tempo para preparar o seguinte, sempre quedan detalles. Aos espectadores pásannos por alto, a fita que quedou mais longa que as demais, o axóuxere que se perdeu nunha carreira, o pespunte desfiado, ou o rito de devolver as chocas aos veciños para ir a recollelos o ano que vén. E se hai entroido... hai coáresma. Quen queira escapar da dualidade vai aviado. Se antes era unha labazada a dúas mans, na vida eterna e na do pan diario, agora a Lei Orgánica 4/2015 coñecida por lei Mordaza, ocupa todo o espazo. Baixo esta lei rebánase a esperanza e xera unha incertidume na xente que confronta ao poder estabelecido. Baixo esta lei, prohibir o entroido, un tris. Mascarada de tempos grises é a que están a sufrir artistas plásticos, escritores de dúas frases, cantantes e actores. Un escenario que se asemella ao de fai 60 anos. A represión contra as formas do entroido xa se comeza a soster xuridicamente, exemplos hai varios. Unha das realidades que mantivo os entroidos da provincia foi o das parroquias illadas ás que as forzas da orde non chegaban, por medios escasos. Preparémonos, o 4G xa chega ao macizo ourensán. ¿Levaranos esta necesidade á virtude? ¿Seremos quen de buscar o xeito de burlar as leis que impiden virar o orden económico por catro días? Coido que non. Coido que o camiño vai cara unha homoxénea cinzarrada, onde uns serán a «capital do» e outros «Traditional rural carnival», mentres os poucos veciños que quedan poñendo unhas roupas vellas e pendurando un meco non se veran reflexados no espello da televisión, e faranse a pregunta: ¿continuar, para que? Eu afirmo que é necesario que a administración invisible non deixe esmorecer calquera entroido, sexa dun veciño ou de mil. Recollo as palabras do discurso do Papa Francisco na última viaxe a Latinoamérica, na misa millonaria de Lima, onde a identidade cultural é unha carga: «Mozas e mozos, por favor, non se desarraiguen. Avós e anciáns, non deixen de transmitir ás novas xeracións as raíces do seu pobo».