As rúas xa non teñen nome

La Voz MEDIDA DAS COUSAS

OURENSE

01 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Atopara o tempo preciso para visitar Dublín; unha viaxe moitas veces aprazada ás terras desexadas por Ith, fillo do celta Breogán, quen as albiscou dende a Torre de Hércules tal e coma relata o Leabhar Gabhála Éireann. Segundo esta lenda irlandesa os milesianos, un exército galego, conquistaron Irlanda coma vinganza polo asasinato do celta galaico. El pensaba que mitos e lendas teñen sempre unha certa base de veracidade ou de metáfora, aínda que co paso do tempo sufriran deformacións ou deturpacións que as facían case que sempre pouco cribles. Con todo pasear polas rúas de Dublín, debullar os seus recantos, admirar a memoria colectiva no corner de Rory Gallagher, respirar o ar da tradición nos pubs do barrio do Temple ou ficar abraiado diante da estatua do conservador Edmund Burke no Trinity College, devolveulle algo que nos malos momentos botara en falla: o seu espírito de crítico grave e rexo. Sentirse outra vez en pleno rendemento intelectual, deixar voar o maxín identitario nunha das sete nacións celtas e osixenar a súa alma conservadora naquela terra de tradición, era máis do que agardaba conseguir no que cría o escenario ideal para atopar de novo o “elan vital” que sentira perder.

Escoitara a historia do Where the Streets Have No Name de U2, a canción que soaba mentres daba conta dunhas pintas, e pensou na súa terra tratando de pescudar un paralelismo. Contan que Bono escribiu a letra para denunciar a identificación perversa entre a relixión profesada e a rúa de residencia. Unha chamada á paz e ao equilibrio social en medio da guerra fratricida nos barrios de Belfast, na outra Irlanda.

E pensou en Galicia, máis polo miúdo naquel recuncho do mapa de Fontán onde padecía o ímpetu, por veces suicida, dunha forma de actuar incomprensible que comprometía a súa arela de harmonía, diálogo e construción. Hoxe lembra aquelas ideas e matinacións nun pub de Irlanda e pode dicir, con esperanza, que no Ribeiro as rúas xa non teñen nome.