O portavoz do goberno anda enfrascado no día a día das súas concellerías. «Ao ser dez non chegan as horas», esquiva cando se lle pregunta por se xa pensou no futuro.
-O desgaste persoal é grande?
-Hai días máis duros que outros, pero a min gústame a política municipal e procuro verlle o lado positivo a calquera situación.
-Cal foi para vostede o momento máis duro do mandato?
-A nivel persoal, un día que me resultou duro foi cando o PSOE presentou unha moción para nomear fillo adoptivo da cidade a Pedro Zerolo e non se aprobou. Eu historicamente sempre saín en defensa da lei de parellas homosexuais e teño moi bo recordo deste home, porque foi unha das persoas que se preocupou por min. Entón iso si que me doeu, aínda que entendín perfectamente o argumento de por que non se aprobaba.
-Nese tipo de conflitos, chega a replantearse a militancia?
-Non, porque eu entendín perfectamente o argumento que se deu desde o meu grupo. O plantexamento do PSOE non era o máis axeitado porque non tivo relación coa cidade, pero iso non significa que non che doa. O da militancia non se pode dubidar por cada cousa que che pasa.
-Ciudadanos, VOX... pescarán entre os votantes do PP?
-En todas as municipais que participei sempre houbo máis formacións políticas que as clásicas e en moitas casos pescaron votos, pero iso forma parte da estratexia política de cada un e despois que se reparta a sorte. En todo caso, eu descoñezo aos seus candidatos e entón é moi difícil de valorar.
-E vostede, xa falou con Jesús Vázquez do futuro.
-Non. Non toca e non procede. Eu, antes de dicir nada sobre iso, falarei primeiro con el.