O chamamento sigue en pé

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Ourense Mellor e En Marea asinan un protocolo para «sumar esforzos» de cara ás municipais

08 abr 2019 . Actualizado a las 20:39 h.

«Estaremos abertos ata o último día para chegar a acordos para crear unha candidatura conxunta para traballar por ese Ourense mellor ao que aspiramos os ourensáns e non entendemos ese silenzo nin esa actitude de non querer falar». As palabras son de Etelvino Blanco, o candidato de Ourense Mellor á alcaldía da cidade mentres non se dea ese outro escenario ao que chama o exsindicalista, e foron pronunciadas no acto onde se asinou o protocolo de colaboración desta plataforma cidadá con En Marea.

Luis Villares e Ana Seijas, pola Marea, e Iolanda Pérez e Etelvino Blanco, por Ourense Mellor, foron os encargados de intervir nun acto que semellaba -pola parte local- un encontro de vellos compañeiros de moitas batallas políticas e sindicais da cidade e da provincia nos últimos anos dende as filas do nacionalismo. Lito Prado, Manuel Gallardo Canitrot, Iolanda Pérez ou Xosé Manuel Pérez Bouza, entre outros, compartiron encontro con outros referentes da esquerda nacionalista actual, como o deputado autonómico da Marea Davide Rodríguez, ou as novas incorporacións, como o candidato desta formación para o 28A, Iván Olmos. Villares, Blanco, Seijas e Pérez coincidiron en sinalar que o convenio En Marea-Ourense Mellor servirá para apoiar e reforzar o traballo e os proxectos de ambalas dúas partes, sumar esforzos, e que esa unidade de acción ampliarase a outras mareas da provincia. Etelvino Blanco asegurou que a cidade vive inmersa dende hai anos na parálise á que a ten condenada o goberno do PP e que se fai necesario acadar unha representación importante para erradicar «as políticas caciquís da Deputación».