Bailar pegados

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

25 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tempo de verbenas, de calor abafante, de treboadas, de froita roubada -a que mellor sabe e máis presta- e de amores de tempada. Disque o fútbol de verán non deixa de ser unha mala cerellada que non paga a pena nin para perder o tempo e o seu son as romarías e a troula ata onde cumpra. Ata temos unha clasificación das orquestras con máis seguidores e as que son quen de encher ata o terreiro no que non entra nin o camión do escenario da Panorama.

Verán de romances políticos no que un dos Peares e outro con orixes familiares en Parada de Sil -Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra xa!- son quen de esquecerse de todo o que en tempos se dixeron para sentarse a falar e mirar de argallar un futuro en común polo ben daquilo que os une: Auria ao fondo.

O profesional da cousa pública e o que ten chegado hai días ao cargo intercambian confidencias, piden consellos e mercan proxectos: troco o teu parque acuático termal polo meu e pápoche a ficha do CIA, aínda que semella moita leira que sachar para ti meu.

El non haberá futuro? E por que? Amor de verán para unha canción de Iván Ferreiro? Nada está escrito, son tempos de coalicións inéditas para amosar novos camiños e se un é máis de música charramangueira e o outro vai polo melódico sempre lles queda Sergio Dalma, que bailar pegados non é tan difícil cando hai vontade e gañas de aprender.

Novos tempos, verán, sentimentos encontrados, envexas, moita troula, desexos non compartidos nin cumpridos, hai festas na cidade e emigrantes de volta na Ribeira Sacra para reencontrarse coa familia. E virá auga pola noite?