«A xente ten que probar un dos manxares máis emblemáticos»

lucía gómez

OURENSE

Agostiño Iglesias

A Festa do Pemento de A Arnoia espera a chegada dun maior número de visitantes debido ao nivel do cartel nesta edición

02 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Martínez leva catro anos organizando a Festa do Pemento de A Arnoia, unha celebración que espera a chegada dun gran número de visitantes para degustar o seu produto máis emblemático, así como polo nivel do cartel desta edición número corenta.

-Que teñen os pementos de A Arnoia?

-Teñen unha característica moi peculiar. A mesma planta posta na Arnoia e noutro lado, as características do pemento cambian radicalmente. Teñen un aroma característico, se os deixas nunha estancia durante horas, esta vai ter o olor do pemento, algo que outros non fan. A cor é un verde brillante, é máis carnoso. Incluso ao fritilos xa o cheiro que soltan é totalmente distinto.

-Son os veciños os que preparan as comidas?

-Eles preparan tanto os pementos como as distintas variedades gastronómicas que se ofertan. É un pobo enteiro que se volca para promocionar o lugar e o produto que temos, que é o noso pemento.

-Por que se espera un aumento do número de visitantes?

-Porque a oferta que hai este ano, tanto cultural, como as orquestras e grupos que traemos, e o pregoeiro -contarán co actor e humorista galego Touriñán- prevemos que aumente a xente que veña e aumentaremos a oferta de pementos este ano.

-Que lle diría á xente para que se acerque á Arnoia?

-Se queren probar un dos manxares máis emblemáticos da provincia e de Galicia, teñen que vir. Teñen que probar o noso viño, ver o sitio que temos. É unha verdadeira pasada.