
A cidade aposta por darlle máis pulo á festa tradicional con catro días de actividades
08 nov 2019 . Actualizado a las 17:28 h.Ata o día 11 • Diferentes espazos da cidade • Concerto de hoxe: 20.00 horas (Praza Maior) • O novo goberno municipal aposta por facer da festa tradicional do magosto unha das referencias do programa anual de Cultura. Un compromiso que pasa por potenciar a cita con máis días de actividade, ademais do propio 11 de novembro, e que inclúe novas iniciativas. Entre outras unha carpa centrada no mundo celta e catas das catro denominacións de orixe vitivinícolas con presenza na provincia.
O apartado de concertos é un dos atractivos desta nova etapa e o Magosto 2019 abrirá este apartado coa presenza dun dos grupos históricos do panorama musical da cidade: Brañas Folk. O concerto foi presentado polo responsable desta formación, o músico e artesán Manuel Brañas; o concelleiro de Cultura, Mario González, e o técnico deste departamento Álex Hermida.
Logo da súa etapa en Arco da Vella -formación que participou nos anos de esplendor do folk galego nos 80 do pasado século-, Manuel Brañas creou no ano 2002 Brañas Folk. No concerto desta tarde a formación interpretará os temas do seu último traballo, un disco no que a cidade ten un especial protagonismo. Xunto ás pezas dese proxecto avanzarán composicións do seu próximo disco, entre elas unha que está adicada á tradición do magosto e que leva por título «Trullada da castiñeira», tema que fixera popular o Cuco de Velle.
Actuacións por día
O programa de concertos ofrecerá outras actuacións nos vindeiros días. Para o sábado contarase coa presenza da gaiteira Susana Seivane e o día 10 subirán ao escenario da Praza Maior unhas mulleres que fixeron historia dende o seu inicio no panorama musical galego hai xa varias décadas: Leilía. Para o 11 está programada a actuación da formación santiaguesa de Os de Abaixo.