
As Fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Losada Diéguez e Castelao promoven a iniciativa
27 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Hai unhas semanas abría a nova biblioteca de Ourense, a primeira con edificio de seu, despois de moitos anos de obras. E segue sen nome. ¿E por que non Nós? As Fundacións que promoven a memoria dos integrantes da xeración Nós -Fundación Otero Pedrayo, Fundación Vicente Risco, Fundación Losada Diéguez e Fundación Castelao- acordaron propoñer esa nomenclatura ao coincidir co centenario da revista que se deixou de publicar co inicio da Guerra Civil. «Tería especial valor simbólico como forma de homenaxe permanente do mundo da administración e da cultura a un movemento de renovación, amplo e diverso, caracterizado polo impulso á actualización e apertura da nosa cultura e da nosa identidade ás correntes universais», esgrimen os promotores da idea. Ademais, din que a denominación de Nós non só abranguería á revista, senón a toda unha xeración e un tempo, así como aos máis de douscentos colaboradores da revista, creadores literarios, investigadores humanistas e artistas plásticos. E rematan dicindo que con Nós «Homenaxeamos a todos os que traballaron por construír un futuro máis digno, culto e xusto para Galicia».