
O sábado estreáse en Verín o documental «O noso entroido»
13 feb 2020 . Actualizado a las 18:49 h.O Auditorio de Verín acollerá o sábado 15 ás 20.00 horas unha gala que incluirá a estrea do documental titulado «O noso entroido». O traballo foi realizado por varios verineses baixo a dirección do veterano entroideiro e adestrador do CD Allariz, Miguel Ángel Prieto Sotelo, «Chita». A recadación polas entradas (a cinco euros) será destinada integramente á Asociación contra o cancro de Verín.
Prieto Sotelo, polifacético persoeiro, será tamén o pregoeiro do Entroido o Domingo de Corredoiro ás 13.30 na Praza Maior. O documental foi rodado durante os dous últimos anos por «Chita», Óscar Conde Pérez e Juan Carlos Méndez Damorín, e contou coa participación de moitos veciños da zona.
«O traballo ten unha evidente referencia cómica. Céntrase en comentarios do público e as súas sensacións sobre o entroido», comenta Prieto. E engade: «Comezamos a facelo o ano pasado. Todo se iniciou a raíz dunha idea dun grupo de amigos que acoden a unha bodega no meu pobo, en Ábedes, en Verín. A xente dicía que da curtametraxe inicial había que ir a un documental máis longo».
O que comezou de xeito imprevisto foi tomando forma. Ao final, transformou en Cinema verité en estado puro. «Empezamos a gravar xa o ano pasado. Todo se baseaba en coller un teléfono móbil e empezar a preguntarlle á xente da rúa, en diferentes vilas da provincia, cal era o mellor entroido do mundo. Non houbo nunca un guión preestablecido», resume o pregoeiro.
Dito e feito. O propio «Chita» vestiuse de frei para a ocasión. O improvisado crego-xornalista acumulou ducias de testemuños. Preparalos e montalos foi un proceso longo e laborioso dun animoso grupo de entroideiros. «O resumo sempre é o mesmo, cada cal pensa que o seu entroido é o mellor», comenta o autor do vídeo. «Ao final xuntamos 37 minutos de grabación, que serán amosados o próximo fin de semana no auditorio. Nós non levamos un euro, todo irá para a asociación contra o cancro de Verín».
Gala e pregón
A gala de estrea do documental incluirá varias sorpresas. Entre os asistentes sortearanse varias obras de arte de creadores da comarca: dúas pinturas de Fernando Barreira, unha escultopintura de Xosé Rivada, un suadoiro decorado de Manuela Rojas e unha xilografía de Rafa Castro.
O adestrador futbolístico, que leva media vida vinculado ao deporte e tamén ao entroido verinense, foi nomeado este ano como pregoeiro. As súas sensacións son de enorme ledicia. «É una auténtica honra», di. Asegura que aínda non ten escrito o que vai dicir, pero xa lle andan as ideas pola cabeza. «Teño claro que irá nun sentido cómico; será unha parodia, non podería ser doutro xeito. Farei un homenaxe ao traxe co que gañamos hai máis dunha década o premio Pescadilla ao mellor do carnaval. Así, os que non se acorden daquilo refrescarémoslle a memoria», relata.