Entroido do vinte

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

«Como se di entroido en inglés?», pregúntase Marcos Guimarey, firma Invitada de La Voz Ourense esta semana

24 feb 2020 . Actualizado a las 22:49 h.

Como se di entroido en inglés? Supoño que compre mais dunha palabra para definir o que ocorre nestes días na provincia de Ourense, non todo son máscaras ou traxes. Por iso é tan complexo, polo menos para min, contarllo a quen nos visita nestes días. A serra que vai dende San Mamede ata Trevinca, pasando por Cabeza Grande, arrimando ao Xurés e a Novelle, vai sementando nas abas e nas ribeiras entroidos únicos e propios, vinculados ao territorio e ás comunidades que se formaron.

Outras persoas xa trataron antes o presente e futuro dos entroidos. Falouse do patrimonio inmaterial, tamén das festas de interese turístico internacional, de camiños a percorrer para encapsular no tempo todas as faenas. O reclamo económico que supón o movemento de xente de aquí e de acolá é, se cadra, o máis poderoso. Pero as comunidades que quedan a partir do Mércores de Cinza nas aldeas, teñen que seguir lidiando coa vida, e coa súa parroquia.

Sempre penso que nos fixemos dano a nós mesmos, poñendo o alcume de «triángulo máxico», ou «capital de», ou «o carnaval máis longo do mundo», cando hai singularidades propias en decenas das aldeas da provincia que agora tamén queren reclamar «eu máis». Coido que non era ese o camiño, pero é posible que este errado. O ecosistema que se conforma entre territorio e comunidade ten que estar vencellado a unha xeración temporal, e cunhas circunstancias externas de entrada e saída de persoas, modas, filosofía e imaxinación.

No agora «eu máis» a competición está desatada, pobre do que non supere as expectativas, pobre do que non teña uns minutos de televisión, porque vai ter que contratar unha consultora para posicionar o seu «día» na aldea global.

Como se di entroido en francés? E en alemán? En portugués? En coreano? Supoño que é o que lle preocupa á administración que mira con ollos de galán ao Xacobeo 21. Como parte necesaria da súa relixiosidade, o contrapunto carnal. Pero as decenas de comunidades de entroidos de tres veciños quedan ao desleixo dos servizos públicos que merecen.