Juan Tallón: «Rewind» fala do fráxiles que somos pero non é unha novela triste»

M.R. OURENSE

OURENSE

O escritor Juan Tallón (esq.) co actor Tito Asorey, na libraría Tanco
O escritor Juan Tallón (esq.) co actor Tito Asorey, na libraría Tanco MIGUEL VILLAR

O autor ourensán presentou a súa última obra, editada este mes por Anagrama, na libraría Tanco, onde mantivo unha conversa co actor Tito Asorey

06 mar 2020 . Actualizado a las 20:57 h.

Rewind (Anagrama) é a última novela do escritor ourensán Juan Tallón. Moi diferente ao seu anterior traballo, nun cambio que foi buscado, como recoñeceu o autor a un dos lectores que se achegaron á librería Tanco a escoitar a conversa de Tallón co actor Tito Asorey para presentar o libro en Ourense. Asorey cualificou esta novela de «incendiaria»; lle produciu un «impacto fortísimo», aínda que hai ve algo «moi tenro» nela. Era un efecto que o autor quería provocar no lector, unha sorte de «socavón» emocional.

Rewind conta a historia dun grupo de estudantes Erasmus que se ven golpeados nun intre por un suceso terrible, unha explosión no edificio no que viven na cidade francesa de Lyon. Juan Tallón desvelou que neste libro xurdiu primeiro a estrutura, o querer contar unha historia narrada por catro ou cinco personaxes en primeira persoa e cada un aportando a súa subxectividade sobre un mesmo feito. Segundo o autor, nesa faceta do escritor, hai tamén un traballo actoral, de pensar como pensan as distintas personaxes sen resultar afectado. Tallón quería comezar a contar a historia un pouco antes de que se desencadease «algo terrible». «Pensamos que todo vai ben e, cando soa o fixo ás seis da mañá, todo vai mal», dixo ante un atento público.

Para Tallón, Rewind «non é unha novela triste». Contou que un amigo lla definiu como unha novela viva: «Fala do fráxiles que somos, do fráxil que é a vida; hai unha enerxía que sae de dentro, todo se rompe e se reconstrúe». E hai obxectos, mesmo nunha explosión, que resisten. Tallón recoñece que lle dá moita atención aos detalles porque obrigan ao lector «a un exercicio de imaxinación». Nos seus libros hai «un zoom sobre determinados obxectos».