Xa non hai cousa que facer. O 2020 será o ano que lembraremos como aquel no que o coronavirus fixo acto de presenza nas nosas vidas e marcou as mesmas dunha forma sustancial. As vacas tolas e a gripe aviar xa levan pasado ao apartado de cousa menor -máis ou menos como unha pegota con éxito para entendernos- mais o COVID-19 está noutras coordenadas. Os nenos lembrarán que non houbo clases -como unha morte de Franco pero en plan civil-, todos teremos algún coñecido que tivo que saír correndo de calquera sitio e volver a casa para evitar o contaxio -vai ti saber se logo non remata por collelo na terra- e mesmo os seareiros conservarán como un trauma aquelas semanas nas que o fútbol -ou calquera outro deporte- estivo censurado polas autoridades sanitarias.
Se como nos están dicindo en todo momento o coronavirus non ben sendo máis cunha gripe cargada de bombo tamén pode ter o seu lado positivo, digo eu. Unha médica galega que traballa en Euskadi disque o tomou como unha liberación para rematar cunha proposta pendente -por fin foi quen de pór orde en todos os armarios da casa e desbotar todo aquilo que durante anos non se atrevera a tirar- e mesmo nun destes episodios de alarma social de hai anos tamén houbo quen deu en convertelo en literatura.
Por se está de ser, que diso non libra ninguén, voulle preguntar a un meu amigo que disque xa o levou para a casa a pasar unha tempada para que me vaia contando. Daquela xa estarei mentalizado por se chega COVID-19 -el será parente do Cobi de Mariscal?- e vou sabendo como lle vai a vida.