«Se o ribeiro e o galego querem ser algo ham de manter as essências»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

TINO VIZ

Ricardo Carvalho Calero exerceu de pregoeiro da Feira do viño do Ribeiro en 1980

31 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O mes que agora remata debería ter sido o escenario dos actos centrais en memoria e reivindicación da figura de Ricardo Carvalho Calero. Non foi así por mor do coronavirus, e a RAG desenvolverá a xornada central en memoria do profesor, lingüísta e escritor no remate do mes de outubro.

Entre os materiais que se están a recuperar referidos ao protagonista das Letras Galegas 2020 figura un texto particularmente simbólico para a comarca do Ribeiro. Data do 30 de abril de 1980 e trátase do discurso que Carvalho Calero leu nesa data na súa condición de pregoeiro da Feira do Viño do Ribeiro. Orixinariamente foi publicado por AGAL (Associaçom Galega da Língua) no libro Ricardo Carvalho Calero. Letras galegas.

 Encetaba o pregoeiro do Ribeiro referíndose ao seu traxecto cotiá en Compostela: de Carreira do Conde -onde vivía- á Praza de Mazarelos -para impartir docencia na Facultade de Filoloxía-. Un escenario acaído para lembrar que o viño do Ribeiro entraba á cidade pola porta de Mazarelos: «a única em pé das sete portas que davam acceso ao recinto da cidade nos tempos descritos polo Códice Calixtino, porta que se abria aos caminhos do Sul, aos caminhos do Ribeiro, a rota de Ribadávia, porta por onde, no lombo das mulas de ajôujeres cacarelos e estribilhantes, conduzidas por arrieiros de altas vozes, o precioso dom das videiras entrava na cidade». Pasaba o profesor a diario pola mesma porta «por onde Ribadávia entra em Compostela».

Lembraba no pregón titulado Louvança do vinho do Ribeiro que a vila ourensá era «nom miuto menor que Compostela nos alvores da sua existência documentada como cabeça da Castela galega» e como en tempos as barricas de treixadura embarcaban en Baiona ou Vigo con destino aos portos de Flandes e Inglaterra.

 Polo pregón tamén pasaban, na voz de Carvalho Calero, as revoltas irmandiñas, Pedro Madruga e os Sarmiento -«de nome tam própio para exercer o mando en terras de bacelo»- e as referencias a autores que tiveran un achegamento aos viños que protagonizaban a historia da comarca que acollía a feria. «O vinho do Ribeiro de Ávia, o rei dos vinhos galegos, tem, justamente, umha magnífica projecçom literaria. Cita-o Rosalía muitas vezes, cantou-no expressamente um poeta ribeirám, Eládio Rodríguez Gonçales», mais a figura senlleira nas citas literarias ao Ribeiro non podía ser outra que Ramón Otero Pedrayo. Facía unha especial mención de A lagarada e aseguraba que coa mesma o de Trasalba «inscreve-se no cánone dos maiores dramaturgos da nossa terra», ademais de propoñer unha representación da obra nun espazo público da vila de Ribadavia.

 No seu pregón do 30 de abril de 1980 Ricardo Carvalho Calero debuxaba camiños semellantes para o viño e a lingua. E así, logo de reivindicar o propio e rexeitar toda adulteración, o profesor afirmaba rexo: «Mas se o ribeiro ha de ser ribeiro e o galego ha de ser galego, o que é mesmo que dizer, se o ribeiro e o galego querem ser algo, e nom nada, ham de manter as essências que os figerom serem o que som. Só assi se poderám abrir novos mercados, novos espaços vitais para o um e para o outro».

Amosábase o escritor, docente e lingüista certo de que todo galego debía consumir viños galegos e ler literatura galega. Para pór o ramo á súa intervención, Carvalho Calero convidaba a autoridades e veciños: «Brindo porque aqueça perpetuamente as vossas almas esse vinho solar».

XOAN A. SOLER

O Consello da Cultura organizou unha lectura dramatizada de «A farsa das zocas»

Non houbo festa da cultura galega o 17 de Maio, mais si actividades que se foron promovendo por parte das institucións. A RAG organizaba unha ofrenda floral ao pé da casa na que viviu Carvalho Calero en Compostela e o Consello da Cultura Galega apostou por una lectura dramatizada de A farsa das zocas.

 O proxecto foi desenvolvido pola compañía A quinta do cuadrante, de Tito Asorey e Melania Cruz. O actor e director lembra como xermolou o proxecto: «Foi unha proposta do Consello da Cultura Galega, que apostaba por facer unha lectura dramatizada do texto. Como estamos en tempos do coronavirus e non se podían facer actos públicos o proxecto naceu como unha proposta en formato audiovisual». 

O texto de A farsa das zocas é unha obra que ten sido amplamente representada, sobre todo no circuíto do teatro amador e Asorey cre que o Consello da Cultura Galega apostou pola mesma para darlle unha lectura contemporánea tendo como base o formato audiovisual escollido.

 En principio non está previsto que se fagan representacións. «En todo caso, cando todo isto pase, ao mellor pode haber outras propostas. Polo de agora só foi o que xa se coñece».

Aser Álvarez.
Aser Álvarez. Santi M. Amil< / span>

Proxecto dun documental de longa duración logo dos traballos para AGAL e a Academia

A produtora do celanovense Aser Álvarez, Arraianos, foi a encargada de desenvolver dous proxectos vencellados á figura de Ricardo Carvalho Calero.

O primeiro deles foi un documental dunha media hora de duración para AGAL (Associaçom Galega da Língua). E de Arraianos tamén son os materiais audioviuais que se poden ver na páxina web da Real Academia Galega relacionados co autor ao que se lle adican este ano as Letras Galegas. Son pequenas pezas nas que académicos, intelectuais e outras persoas escollen unha palabra para definir a figura e a obra de Carvalho Calero.

A produtora daralle continuidade aos traballos sobre o autor de Scorpio cun novo proxecto para o que xa se están procurando achegas. «No que estamos metidos agora é na proposta de facer unha longametraxe documental. Será unha iniciativa moito máis ambiciosa na que se incluirán tamén outros materiais, como un libro e outras propostas con carácter didáctico. Xirará en clave máis biográfica e xa estamos tentando conseguir apoios das institucións e das administracións para poder facer realidade este novo proxecto arredor da figura de Carvalho Calero», sinala Aser Álvarez.