Baldomero Moreiras: «Os meus novos proxectos servirán para colaborar na loita contra o machismo»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Agostiño Iglesias

O coronavirus afectoulle á mostra que tiña en Portugal, que só estivo aberta cinco días

26 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia deixará unha fonda pegada na vida de Baldomero Moreiras por dúas circunstancias. Unha boa e outra mala como acontece de cando en vez neste tipo de situacións. No aspecto negativo botando por terra unha iniciativa na que tiña depositadas moitas esperanzas e grandes ilusións -a presenza da mostra El eco de las Amazonas no Pazo de Xustiza de Porto- e a parte positiva chegou co confinamento, etapa na que o pintor se atopou de novo coa súa faceta de ceramista e recuperou as súas características pombas.

A exposición de esferas policromadas, que se inaugurou no 2018 no Centro Cultural José Ángel Valente, reivindica ás mulleres esquecidas. Moreiras pescudou en máis de oitocentas biografías para facer seu o legado e a recuperación de mulleres que ao longo da historia foron silenciadas ou non acadaron o recoñecemento merecido por vivir nunha sociedade que sempre as marxinou. «Foi unha mágoa. Abriuse a exposición o 9 de marzo, xusto despois do Día da Muller, e estaba previsto un ciclo de conferencias coa participación de profesoras da Universidade de Porto. Houbo un gran acto de inauguración e aos poucos días chegou o confinamento. Inaugurouse o 9 e pechouse o 14 de marzo. E xa non houbo maneira de darlle continuidade porque o espazo tiña a súa programación comprometida. Ía estar tres meses e botou cinco días».

Afeitos á traxectoria de Baldomero Moreiras como pintor, sorprende a descuberta do ceramista. Unha faceta que conta cunha presenza importante na súa vida, como se lembra na súa páxina web. Logo de formarse na Escola de Artes e Oficios de Ourense e de Madrid -e das primeiras achegas docentes- vaise a Roma, onde remata en 1982. Da experiencia-aventura garda fermosos recordos: «Foron tres anos marabillosos nos que a arte contemporánea e o achegamento á manifestacións históricas da mesma centraron o meu día a día». Engaiolado pola tradición etrusca mergullouse no minimalismo «daquela era o que estaba de moda. E rematei sendo tan minimalista que facía obras que pouco máis eran que unha liña... ata que de tan minimalista quedei en branco e chegou o momento de reinventarme».

Para sobrevivir en Roma vendía os seus traballos na Piazza Navona. Unha experiencia que non resultou moi gratificante: «Como non tiña papeis non podía solicitar permiso do Concello para poñer o posto, e denunciáronme outros artistas que vendían alí». A alternativa foi ir deixando traballos polas galerías para que llos vendesen, o que lle serviu para dar clases durante dous cursos na Galería San Calisto de Roma logo de que o seu propietario, o coleccionista Paolo Casasa, vise a súa obra.

As súas previsións pasaban por darlle continuidade ás súas experiencias artísticas por Europa. Volveu cando morreu a súa nai e xa se asentou.

Carteis, postais e ilustracións

Pintor por riba de calquera outra cousa -«aínda que tiven que facer de todo porque non son moi bo vendendo a miña obra»- tamén gosta do cartelismo: «De cada dez concursos aos que te presentas gañas un, mais é moi atractivo porque tes que asumir retos que nunca te prantexaches para cumprir as bases». Sobre os personaxes do entroido fixo a súa serie de postais -que pasarán a formar parte dos fondos do Museo da Limia- e ten traballado na ilustración de libros. O último foi un encargo sobre a Xeración Nós que aínda non se presentou.

Moreiras non contempla darlle continuidade ao traballo das esferas, mais seguirá nesa liña: «Non vai haber outra proposta sobre mulleres esquecidas, mais o que teño claro é que os meus novos proxectos servirán para colaborar na loita contra o machismo. Temos que rematar, ao 100 %, con esa praga».

«O Val da Rabeda é un espectáculo de sensacións e sentimentos todo o ano»

Baldomero Moreiras xa contaba con obra no Parlamento de Galicia e hai pouco sumou unha peza que lle é particularmente querida. Nas instalacións da Cámara en Compostela xa foi instalada a esfera policromada que lembra á figura de Artemisia Gentileschi «a pintora do século XVII que foi violada polo seu propio mestre e que logo foi marxinada polos estamentos oficiais, o que fixo que nunca se rendese e chegase a ser unha das figuras máis recoñecidas da súa época». No Parlamento xa contaban coa peza Vía da prata.

Á hora de escoller un espazo co que se sente especialmente vencellado non dubida: Golpellás. Ao pobo de Paderne de Allariz chegou hai 33 anos, e aí segue namorado da contorna. «O Val da Rabeda é un espectáculo de sensacións e sentimentos durante todo o ano. Hai maxia en todos os cumes que o pechan e calquera espazo onde pouses a vista paga a pena». Polo medio das árbores colle o camiño que o leva a Santa María de Augas Santas, lugar que escolle para a imaxe. A súa Celanova natal, Castromao -onde viviu sete anos-, Penagache, a Ponte do Freixo e moitos outros espazos tamén forman parte da súa memoria afectiva.

DNI

Quen é. Baldomero Moreiras (Celanova, 1955) é pintor. Nos seus comezos creativos tamén se desenvolveu como ceramista e impartiu clases nos obradoiros do INEM.

O seu lugar. Golpellás, onde chegou hai 33 anos, o Val da Rabeda e o conxunto histórico e natural de Santa Mariña de Augas Santas. E Celanova, sempre.