Dous vagóns que querían ser catamaráns

Ángel Dorrío FIRMA INVITADA

OURENSE

Así quedaron los vagones tirados al río Sil
Así quedaron los vagones tirados al río Sil LOLITA VAZQUEZ

16 ago 2020 . Actualizado a las 18:32 h.

Nas semanas pasadas quedamos asombrados polo suceso do accidente e descarrilamento dun tren de mercadorías, na localidade de Sobradelo do concello de Carballeda de Valdeorras, e coma dous vagóns foran empurrados cara a canle do río Sil.

Grazas aos vídeos difundidos nas redes sociais por veciños da zona que gravaron o acontecido e posteriormente na aparición en todos os informativos e medios de comunicación a nivel galego e estatal, o suceso foi amplamente amplificado, alcanzando unha alta repercusión, xunto coas actuacións da empresa responsable, que inicialmente alegaba a súa imposibilidade de recuperalos vagóns debido á complexidade, optándose por unha solución irresponsable e lamentable ao non se lles ocorrer mellor xeito que botalos río abaixo coma se foran uns catamaráns.

Nestes días xa remataron os traballos da retirada dos vagóns, demostrándose así unha errónea actuación, que deixa en moi mal lugar á empresa responsable. A recuperación dos vagóns si era posible e non tiña ningún tipo de xustificación facelo daquela maneira. Consideramos que unha empresa pública debe dar exemplo e ten a obrigación de cumprir coa diferente normativa básica de protección do medio ambiente.

As entidades ambientalistas como Amigos da Terra pedíamos á administración a aplicación de normas máis restritivas coa defensa do medio ambiente, segundo vén regulado na Lei de responsabilidade medio ambiental. Deste xeito requirímoslle á Confederación Hidrográfica e á Consellería de Medio Ambiente que aplicase á empresa responsable do vertido o principio de «quen contamina, paga» regulado na Lei de responsabilidade medio ambiental. Tamén demandamos que os danos medio ambientais producidos como consecuencia do vertido dos dous vagóns ao río Sil, causando varias afeccións ao ecosistema fluvial, non poden quedar impunes e as administracións teñen que adoptar as medidas preventivas ou de evitación apropiadas, recollidas na diferente lexislación coma a Lei de Augas e na Lei de responsabilidade ambiental. Amais diso, na lexislación ambiental se contempla a reparación do dano ambiental na contorna por conta dos causantes dos feitos. A cualificación de accidente non exime ás empresas para a execución de medidas de prevención, de evitación e de reparación polo que debe esixirlle aos responsables a retirada dos vagóns da canle do río, que xa se está realizando, e a restauración e recuperación ao estado orixinal do ecosistema fluvial.

Consideramos fundamental que as administracións responsables directas do coidado do medio ambiente e da saúde das persoas, teñen que aplicar a diferente lexislación ambiental e a fagan cumprir ás empresas susceptibles de contaminar, previndo a produción de accidentes instrumentando novos sistemas de responsabilidade. Non se pode aceptar que existindo a lexislación actual, a administración continúe sendo feble coas empresas contaminantes e non vele polo interese xeral da poboación.

Unha vez máis en Amigos da Terra vemos coma os nosos ríos continuamente veñen sendo maltratados e agardamos que este suceso sirva de mal exemplo para conseguir crear unha maior concienciación, educación e responsabilidade ambiental entre toda a sociedade.