Paixón familiar polo Ribeiro

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Mónica Albor colleu o relevo do seu pai e representa á cuarta xeración na viticultura

12 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta é unha historia de ida e volta. A primeira é a dun ribeirao de Cenlle que marchou para Alemaña na procura dun futuro que non atopaba naqueles tempos nos que sumaban anos de paz e restaban recursos e futuro. A segunda é un retorno ás orixes e a incorporación dunha nova xeración a un mundo e a unha realidade, a do Ribeiro, que non deixaba de ser outra cousa que un encontro fuxidío nas vacacións de verán.

Alfonso Albor Rodríguez saíu da escola con 14 anos para poñerse a traballar nas canteiras e en 1970 escolleu o camiño da emigración. Preto de Bonn, onde se estableceron, naceu a súa filla Mónica en 1972. A cuarta xeración da saga familiar vencellada ao proxecto da adega recoñece que o mundo no que agora se move era un espazo alleo do que só tiña pequenos recordos: «Lembrábame de axudar nos veráns a preparar as máquinas para ir dar o sulfato os avós, e dalgún ano que nos tocou a vendima estando aínda aquí de vacacións. E pouco máis».

O camiño de volta fixérono en 1994. Daquela Alfonso Albor entrou a traballar de condutor nunha empresa de autobuses e Mónica, coa súa carreira de hostalería, fíxoo no balneario de A Arnoia. Un cuarto de século despois aquela moza alemá segue en Caldaria, neste caso na vila termal de Laias.

E por riba de todo iso estaba un proxecto que fora percorrendo a historia de par da familia: a adega no Ribeiro. O primeiro Albor vencellado coa elaboración de viño mercou a casa do pobo de Coedo, en Cenlle, a comezos do ano 1700 e foi o bisavó da actual responsable da mesma, Antero Albor, quen principia coa elaboración na adega. Victorino Albor deulle continuidade ao legado do seu pai, e Alfonso fixo o propio chegado o tempo. E a súa filla Mónica, actual xerente e dona da adega, mantén un legado familiar que segue a ter en Coedo a súa razón de ser. Nos primeiros tempos o consumo doméstico centraba a actividade e foi no 2004, con Alfonso Albor, cando comezou a comercialización dos viños coa marca Pazos de Albor. Na colleita do 2016 materialízase o relevo xeracional e o cambio de marca: nacen daquela os viños Mónica Albor.

Cando chegou o momento da xubilación a encrucillada resolveuse axiña. «Estabamos na adega, isto foi no 2015, e meu pai empezou a dicir que había que mirar que se facía -se vender, traspasar ou calquera outra alternativa- e Pablo Estévez, o enólogo, díxome ‘E por que non segues ti?’. Aquilo deixoume fóra de xogo e dixen que non ía saber como facer. ‘Co tempo apréndese e estamos teu pai e máis eu para orientarte e aconsellarte’. Só lembro que dixen: ‘Bueno, vouno intentar’. E aquí sigo. Cinco anos despois recoñezo que me fai moita ilusión, que cada vez aprendo algo novo e que me sinto orgullosa de manter o legado da miña familia e que non se perda a tradición». Aconsellada por Estévez -Alfonso e Mónica salientan en todo momento o seu papel fundamental na adega familiar- comezaba unha nova etapa coa creación da marca que leva o nome da actual xerenta e propietaria de adega, a cuarta xeración dos Albor na viticultura do Ribeiro.

O pai de Mónica recoñece que o mundo do viño engancha e ten un valor sentimental engadido. «Sempre vin a meu pai traballando e nunca foi para dicir que se fixera rico ou que gañara moitos cartos. A cousa ía a trancas e barrancas. E chegou un momento no que me metín ao viñedo. E co paso do tempo foi necesario facer un investimento grande para crear a actual adega. Para min é unha satisfacción moi grande que a miña filla lle dea continuidade á tradición familiar. Gústame o que fai, como a leva, e trato de aconsellala no que podo».

Un lustro no proxecto fixo que aquela moza que chegou de Alemaña sen moito convencemento -«cando viñemos de volta dixen que se non me afacía regresaba para alá»- estea cada vez máis satisfeita de decisión. «Houbo que traballar arreo, entrar no mundo das redes e da promoción e formarse en moitos aspectos e sectores. Mais cando recoñecen o teu traballo, ou chegan os premios, sentes que o estás a facer ben e que paga a pena».

Quen son. Idades.

Quen son. Alfonso Albor e Mónica Albor López. Mónica representa a cuarta xeración na adega de colleiteiro que leva o seu nome. Antes era coñecida como Pazos de Albor. O relevo xeracional chegou coa colleita do 2016.

Idades. Hai 70 anos que Alfonso Albor naceu no pobo onde está a adega, en Coedo (Cenlle). Mónica fíxoo en 1972, cando a familia estaba na emigración en Alemaña.

«As mulleres sempre estiveron na viña e nas adegas do Ribeiro»

Mantén a adega de Coedo (Cenlle) o viñedo que foi pasando de xeración en xeración e Mónica Albor dá o seu nome ás tres presentacións da mesma: un branco monovarietal de treixadura, un plurivarietal con treixadura, godello e loureira, e un tinto de mencía que tamén leva algo de sousón. Dende hai uns anos na denominación de orixe Ribeiro estase a reivindicar o traballo que desenvolven as mulleres do sector, e Mónica Albor é unha das que trata de participar sempre que pode nos encontros e nas catas. «As mulleres sempre estiveron na viña e nas adegas do Ribeiro e non se concibe esta denominación de orixe sen o traballo que fixeron dende hai séculos. A miña avoa, a miña nai, as veciñas... todas as mulleres do Ribeiro, sempre estiveron aí. Cada vez somos máis e cada vez se fan mellores ribeiros por parte das adegas e dos colleiteiros, só hai que ver os últimos premios conseguidos nos certames europeos, e imos seguir indo a máis», sinala mentres recoñece que lle fai especial ilusión participar nunha das catas só para mulleres que se están a organizar dende hai un tempo.

Alfonso Albor seguirá a gozar da súa merecida xubilación e pasará de cando en vez pola adega que comezou co seu avó para comprobar, con satisfacción e orgullo, que o proxecto segue vivo.