Nadal 2020

José Pérez Domínguez NO ATRIO

OURENSE

20 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, domingo, na Catedral de Ourense o señor bispo bendicirá o misterio do Nadal, obra do escultor Quico de Salceda, que permanecerá exposto durante o ciclo litúrxico natalicio na capela da Virxe do Rosario. O que este misterio representa sucedeu xa fai 2000 anos. Era una noite moi estrelada, de lúa chea, fría como de fría en Israel polo mes de decembro. Unha corte para recoller o gando da intemperie, para resgardar lo de posibles roubos e das feras, vai ser o lugar onde María e Xosé se acomodan o mellor que poden na compaña de un boi e de unha mula, agardando o nacemento do Fillo de Deus no noso mundo. Non son moitos os membros da familia, nin son dúas familias con máis de dez membros; tampouco hai achegados. Pero vai ser Nadal para toda a humanidade. O Mesías esperado chega e acólleno uns humildes pastores, e os anxos do ceo cantan «gloria a Deus no ceo e paz na terra para os homes de boa vontade».

Pois algo parecido temos que facer nós nestes días de Nadal, rodeados pola pandemia que estamos a sufrir e con un confinamento que nos condiciona a hora de xuntarnos para poder festexar o nacemento do Noso Señor Xesucristo. Imos estar sós nas nosas casas, procurando non viaxar para xuntanzas familiares, pero vivindo con intensidade a espiritualidade litúrxica do tempo de nadal e gozando da presencia de un Deus que sempre está ao noso carón e que non nos deixa desamparados.

Non sei si estades afeitos a rezar algo na Noite Boa. Pero estaría ben gardar un pouquiño de silencio por momentos e acordarnos dos que están sufrindo a pandemia, dos que están sós nos seus fogares, dos que perderon a algún ser querido, dos que nos hospitais acollen e dan ánimos aos enfermos, dos que loitan entre a vida e a morte e dos que xa non están Que non falte a nosa oración por todos eles ante os beléns que temos instalados nas nosas casas. Non esquezamos a máxima do evanxeo: «quen acolle a un dos máis pequenos, acólleme a min». Entón será nadal na nosa casa, porque acollemos ao Señor.

E non esquezamos que os cristiáns temos que ser testemuñas da alegría polo nacemento do Señor. «Estade alegres, sede constantes na oración». Hai esperanza. O Señor, cheo do Espírito é enviado para anunciar a boa nova aos que sofren, para sandar os corazóns aflixidos, para proclamar a liberdade aos encarcerados. ¡Feliz Natal para todos!