Unha canle na que topar desde coidado do cabelo ata literatura
21 abr 2021 . Actualizado a las 09:03 h.Se che gusta a literatura, se queres mellorar as túas habilidades na maquillaxe, se es dos que reivindican o seu espazo, se che apaixonan os cativos e a educación ou, sobre todo, se che compre saber algo máis dos coidados do cabelo crecho e queres que cho expliquen sentados xunto a un coxín de Castelao, Prado Rúa é a canle de YouTube que necesitas. E coma isto, moito máis.
O contido que a ourensá María Rúa sube ás redes sociais é complexo de concretar pero sinxelo de definir. «Son unha persoa á que lle gusta facer moitas cousas e a miña canle reflícteme ben. E como o galego é a miña lingua materna, fágoo en galego». Prado Rúa é unha das «youtubeiras» que están a aparecer na Rede nos últimos anos, coa vontade de xerar todo tipo de contidos e coa característica de facelo en galego, aínda que, asegura «definilo só como contido en galego non axuda moito a normalizar a lingua».
Rúa tamén está activa en Twitter e TikTok. Nunha das súas últimas pezas para esta rede social, bromea cunha realidade que, como outros tantos rapaces, viviu: a diglosia, ou que é o mesmo, a situación de convivencia na que entre dúas linguas se da unha clara relación de dominancia. «Cando era pequena na escola sentíame se cadra algo empurrada a falar en castelán, cos mestres e así. A partir do instituto, unha vez estudei e tomei conciencia, xa galegofalante e moi forte nese aspecto. Recordo estudar o que era a diglosia e sentirme moi identificada», explica.
Agora, realidades como esa especie de comunidade de creadores galegos da que Prado Rúa forma parte, ou o chamado «Galitwitter», serve en moitos casos de apoio para os neofalantes: «O uso da lingua nas redes sociais é fundamental, porque é onde estamos a xente nova». Esencial contra a perda de falantes e para xente como Prado Rúa, que desde a súa fiestra á rede, tanto fan polo galego.