Germán Rodríguez-Sáa, presidente da AECC en Ourense: «O cancro é peor que o coronavirus e hai que actuar da mesma maneira»

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O novo presidente da asociación contra o cancro aposta por darlle máis visibilidade

21 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Di Germán Rodríguez-Sáa que se está afacendo ao escenario da nova responsabilidade asumida mais resposta axiña e cun discurso perfectamente artellado, con seguridade e obxectivos claros e perfectamente definidos. O seu nomeamento racha unha tendencia e unha tradición no que se refire ao perfil das persoas que veñen ocupando cargos como o que el acaba de asumir. Virando as debilidades -que xa semellan historia tal e como se fixo co terreo e a realidade- en fortalezas a mensaxe é rexa: a chave está na xestión. Hai só uns días que exerce como presidente, nomeárono o 25 de maio, pero xa ten trazada a súa folla de ruta.

-Cantos ourensáns apoian á Asociación Española contra o Cancro?

-Somos 3.906 socios, pero hai posibilidade de crecemento e sei que o imos conseguir. Temos que chegar a todos os concellos da provincia para que coñezan o traballo que facemos na loita contra o cancro e sumar apoios. Como tamén ao contrario: ofrecer os nosos servizos e apoiar e colaborar con todos aqueles que nos necesiten.

-A palabra segue sendo maldita?

-Si. Moita xente non se atreve a dicir cancro e falan do «becho», de «iso» e cousas polo estilo. É a proba de que psicoloxicamente non están preparados para loitar contra el. Como tamén hai xente que non se atreve a pedir axuda.

-A que se refire?

-Entre as chamadas que se reciben ao mes na asociación hai unha media de dez nas que, cando se lle resposta desde aquí, a persoa non fala e colga. Iso é que teñen medo e non se atreven a pedir axuda ou que non queren aceptar unha realidade coa que van a ter que loitar.

-Como afectou a pandemia aos enfermos de cancro?

-Dunha forma brutal. Os recortes na asistencia presencial, co que isto supón tamén dende o punto de vista psicolóxico, e a situación de emerxencia sanitaria fixeron que non se diagnosticaran a tempo o 20 % dos casos. E cando máis tardas en ter ese diagnóstico máis esforzo hai que facer para combater a enfermidade porque vai avanzando.

-Presenta Ourense unha tipoloxía definida na tipoloxía?

-Non. Hai unha ampla variedade de cancros e na provincia cúmprense as pautas a nivel estatal: os máis frecuentes son os de próstata, mama e colon.

-Que obxectivos se marca como presidente da asociación?

-O obxectivo preferente é o paciente e hai que concatenar os esforzos e iniciativas para que o paciente sexa tratado con equidade en todo: nos cribados, no tratamento, na aplicación dos avances na investigación, na prevención... en todo. Tamén necesitamos xerar máis recursos, porque iso significa ampliar o noso campo de acción e a xente á que podemos axudar, e achegarnos a todos os puntos porque seguro que hai xente nos pequenos concellos que nos necesita e seguro que non coñece o que facemos.

-Na web da asociación hai un apartado dedicado á problemática laboral. É moi frecuente?

-O traballador que ten un cancro ten que coller algunhas baixas, derivadas da súa enfermidade, e daquela hai lugares nos que empeza a perder consideración. E se hai que facer recortes son os primeiros afectados. Na asociación temos unha liña de axuda para esas persoas.

-O cancro é a pandemia do futuro?

-Si. Cada vez vai a máis polos malos hábitos na alimentación, a contaminación e outros aspectos. As estatísticas son claras e unha de cada dúas persoas, o cincuenta por cento, vai padecer algún tipo de cancro na súa vida. Hai que traballar na prevención e promover un maior compromiso na loita contra a enfermidade.

-Por onde pasaría ese compromiso?

-O cancro é peor que o coronavirus e hai que actuar da mesma maneira. Neste país morren por cancro 300 persoas ao día. Cando se chegou a esa cifra no caso do coronavirus todos pensamos que era a fin de mundo e que íamos morrer. Sumáronse esforzos e conseguiuse vencer ao coronavirus. Pois iso mesmo é o que hai que facer contra o cancro.

«Imos a un novo modelo de selección que prima a xestión dos recursos»

Germán Rodríguez-Sáa amósase convencido do futuro crecemento e posibilidades de actuación que ten a agrupación ourensá. E a base dese futuro pasa «polo excelente equipo que me atopei aquí e co imos desenvolver moitos proxectos e iniciativas».

-Como chega un home da empresa á presidencia da asociación? Por sensibilización coa problemática ou por algún episodio próximo?

-Nin unha cousa nin outra. Foi un proceso no que se deron varias situacións e rematou coa miña aceptación do cargo. Sobre o que me pregunta agora o sistema de selección é outro: faise mediante unha consultoría internacional. Seleccionan un perfil segundo as propostas que lle traslada a xente á que lle preguntan e logo van valorando aos posibles candidatos. Imos a un novo modelo de selección que prima a xestión dos recursos.

-Vostede é presidente porque llo pediu unha consultora?

-Si. Obviamente porque a esa consultora lle encarga a Asociación Española contra o Cancro que desenvolva o proceso. Faise así agora para renovar todas as presidencias. E de entrada dixen que non.

-É aquilo de que non hai mellor acordo que o trasacordo?

-Durante a pandemia falamos na nosa familia de que deberíamos apoiar algunha iniciativa solidaria para axudar no que puideramos. Cando mo propuxeron dixen que non porque descoñecía o grao de responsabilidade e porque consideraba que non podía sacar dos dous tempos que máis valoro: o laboral e o familiar. Pasados uns días comenteino coa familia, xantando na fin de semana, e foi cando me dixeron que iso era precisamente o que comentaramos cando estabamos na pandemia. Daquela vin que era o momento. Chamei o luns, pensando que xa non habería posibilidades, e din o paso adiante.