Fer, dos Verto: «A nosa música é un pouco coma un cabalo de Troia»

OURENSE

Alberto Mira e Fernando Peleteiro forman Verto
Alberto Mira e Fernando Peleteiro forman Verto ALBERTO LÓPEZ

O dúo compostelán ofrece hoxe un concerto no Carballiño como clausura das Xociviga

29 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (Xociviga) rematan este xoves tras catro días de obradoiros, proxeccións e moitas ganas de renovar e buscar público entre a mocidade. O colofón final desta programación será toda unha declaración de intencións, traducida nun concerto dos Verto, grupo que sen dúbida se sitúa na punta de lanza da música máis contemporánea e en galego. Fernando Peleteiro (Santiago, 1997) é a metade desta banda.

—De onde son, como se coñeceron e como emprenderon esta viaxe musical?

—Verto é de Pontevedra e eu de Santiago pero en xeral agora, cando a xente nos pregunta xa di el que somos os dous de Compostela. Coñecímonos o primeiro día de clase en Medicina e el xa se sinte coma un picheleiro máis. Sempre estuvemos no mesmo grupo de amigos, desde primeiro de carreira, e o tema do grupo comezou cando eu marchei de Erasmus en cuarto. Os dous estabamos con ganas de facer cousas e levábamos tempo quedando para tocar pero nunca nos puxeramos a gravar. Eu andaba a voltas co tema da produción, de gravar música co portatil, facer bases... fora algo ao que lle metera especial caña no Erasmus. Logo ao voltar, ese verán quedamos un día e Berto tiña unha idea para unha canción, que era Amolecer. Fómola gravar e saiu nese día practicamente enteira. Dixemos ‘esto mólanos un montón'. A partir de ahí, simplemente foron saíndo cousas. Tamén dicir que ata ese momento nós non falabamos galego, eramos castelanfalantes.

—Sobre ese tema queríalle preguntar. ¿Son neofalantes?

—Si, así é. E non era a primeira vez que o intentábamos, xa en segundo de carreira tuveramos unha etapa de querer comezar a a falar en galego pero os míticos comentarios da xente... Ao final acabamos deixando de facelo. Retomámolo despois, o ano que eu estiven de Erasmus, Berto aquí e eu da forma máis fácil desde alá. Comezara a falalo coa miña moza, que estaba de Erasmus conmigo e é de Ourense, e por WApp coa xente de Galicia. Cando voltei foi o momento serio de poñerme a falar en galego.

—E sufriron moita intolerancia por seren neofalantes?

—O que máis os míticos comentarios de ‘buah pues yo no hablo gallego pero lo hablo mejor que tú' ou rollo ‘para hablar gallego así no lo hables'. A min si que me caían moitos comentarios, tamén porque cando comecei falaba realmente mal, facíaseme moita bola. Cometía un montón de castelanismos, se cadra tempos compostos... Eso foi o que máis, a xente dicindo que falas en galego e non o falas ben. Foi o que nos frenou tamén cando o fixeramos a primeira vez porque era sentirse continuamente xulgado.

—Como de necesario é facer música como a que fan en galego?

—Necesario non sei se o é. Si que había unha evolución natural e nós tuvemos a sorte de ser como dese grupo de pioneiros xunto a Boyanka Kostova e toda esta onda, de comezar a facer cousas máis modernas en galego. Cousas que resonaran cunha gran parte da poboacion da nosa xeracion, que non se estaba sentido representada coa música que había ata o de agora en galego. Cústame moito dicir que antes en galego só había rock e así, porque sei que é super inxusto e seguro que non, pero eu non coñecía moitos outros grupos. Agora si que vexo que hai. Houbo unha explosión, e dínolo moita xente de fora que leva moito tempo seguindo a escena galega. Penso que esto é moi bo para revitalizar o idioma e quizias facer ver á xente que tamén é válido e interesante. Ainda que sexa para que o escoiten, porque se non ao final a peña nen sequera o escoita. Se non o teñen nin na tele, polo menos que o teñan na musica e noutros contidos. Esto vai axudar á normalización.

—Cales son as súas influencias?

—No meu caso os meus referentes son todos do rap estadounidense. Kendrick Lamar, Kanye West, Drake, J. Cole... Este rollo gústame moito á hora de producir, de facer as bases... De cada un gardo cousas concretas.

—Trap, pop, aires vintage. Como se fai para que conflúan tantos estilos?

—Supoño que foi sobre todo en Embora. Nós ao principio queriamos facer música que se parecese á música da radio, e con música da radio entendemos esta música que pos no coche e lle gusta aos teus pais, aos teus fillos, aos teus irmáns e a ti. A todo o mundo. É música que entre fácil pola orella á maior parte da xente posible. É curioso da música pop que non é como no rock, por exemplo, que se caracteriza por unhas guitarras, unhas baterías, etcétera. O pop depende de que sexa consumido pola masa, pero non hai unhas normas, estas dependen do momento. O pop dos anos 1980 e o dos anos 2000 non teñen nada que ver, por exemplo. Para nós ese é o rollo no que decimos ‘imos probar estilos'. E por exemplo, Puro Ocio para impresionar ten ese rollo latino que rompe con trap, Mellor Así é como unha balada... E sempre moi ecléctico. O que si tiñamos sempre en común era o roio dos oitenta. Ahí veu a idea de Embora, que fora estilo anos oitenta e que fora bailable. Cando só tes iso, a partir de ahí o que fas é xogar cos límites. Eu sempre tiña a obsesión de facer unha canción estilo anos oitenta, pero trap, estilo anos oitenta pero dembow, etcétera. E así iamos collendo ideas e ideas para facer un montón de estilos distintos. Tamen cremos que tal e como funciona todo agora, a xente quere que as cousas sexan moi rápidas e aceleradas, con moita información. Sentimos que nese sentido fixémolo moi ben con Embora, que ainda que teña roio anos oitenta, ten moitas cousas e moitas dinámicas. Varía moi rápido.

—Ás veces da a sensación de que a súa música sae de pasar unha noite de festa por Santiago. Ten algunha influencia a noite compostelá no seu traballo?

—Realmente polos sitios que saimos, de quitado Avante, é dicir, en Tarasca, Paraíso Perdido, Bloom e así, en ningún deles se oen os estilos que facemos, nin tampouco sona música en galego. Entón tampouco sei se estabamos bebendo do que escoitabamos pola noite. Nunca fun moi fan da música que escoitabamos pola noite, e personalmente tampouco era moi fan do que había na escena galega antes da nosa movida. Porque non me gustaban eses estilos, e seguen sen chamarme a atención. Eu lembro que estivemos indo a Avante toda a universidade e cando voltei do Erasmus Berto dicíame que Avante estaba guapísimo porque poñían Cola-Cao. Entón iamos para alí e ese era o momento álxido da noite, pero realmente o resto do tempo, os demáis temas non eran temas que a min me gustasen especialmente.

—Son Goku, o Xabarín Club, a carta de axuste da TVG... Hai unha compoñente xeracional?

—Collemos referencias e, por exemplo a da TVG, non é unha referencia que para min signifique moito, porque eu non vivín eso nin escoitei eso no seu momento. Hai un movemento artístico chamado vaporwave que consiste en coller as sintonias e músicas dos oitenta, que transmiten unha sensación de nostalxia, e cambialas para convertelas nunha peza máis moderna. Encantábamos cómo se despedían no telexornal para o final do disco.

—Como foi a cousa de «Oie Gayego»? O tema viralizouse pero moita xente non entendeu a ironía?

—Foi moi gracioso. Sempre houbo xente, supoño, que pensaba que a canción non era irónica e Berto, que estaba máis atento ao twitter comentábamo algunha vez, de xente que salía en plan ‘cómo decís esto de Galicia, es que sois tontos o que', pero claro, pensaba que eran os mínimos, que o son. Entón a canción viralizouse en TikTok porque unha rapaza fixo un baile e houbo como máis de 300 vídeos, que a nivel de TikTok penso que tampouco é tanto. Cheguei a ver a unha muller dicindo ‘no sé si os habréis parado a escuchar lo que dicen estos chicos pero es que sueltan perlitas como' e lía a letra enteira pensando que iba todo sen sarcasmo.

—Como vedes esta nova escea da música en galego? Credes que sodes unha punta de lanza?

—Eu véxonos bastante guai, vexo a reacción da xente que nos escoita. Sentía que a estas alturas haberia mais grupos facendo o que estamos facendo nós e era tamén o que máis me motivaba para este proceso. Verto ten un factor moi de normalización linguística e de ser un producto. É dicir, cando fas tantos estilos de musica non estás facendo o estilo que che gusta a ti. Realmente facémolo así porque o que queremos é facer un produto e un montón de música que á xente lle entre guai polos ouvidos, e que sexa en galego. Un pouquiño coma un cabalo de Troia. Pensabamos que haberia máis grupos coma nós e mais grupos facéndoo mellor e chegando a onde nós estamos e sobrepasándonos. Pero seguro que van vir cousas chulísimas, de feito xa están vindo artistas moi guais. Non quero desmerecer a todos os que xa están, pero penso que seguimos sendo unha escena con moi pouca cousa se a comparas con Cataluña, Valencia ou Granada. E cona, eu penso que aquí tamén se podería xerar unha boa escena.