Sarabela estreará no Teatro Principal de Ourense a súa montaxe «Semente de Nós»

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Jacobo Sutil, César Fernández y Olga Mojón presentan la temporada del Teatro Principal.
Jacobo Sutil, César Fernández y Olga Mojón presentan la temporada del Teatro Principal. CEDIDA

O espazo cultural da Deputación retomará a actividade o día 10 coa montaxe «A lúa vai encuberta»

03 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Teatro Principal ofrecerá no segundo semestre do ano un amplo programa de actividades que mesturará citas xa tradicionais no seu ciclo anual -como o Fito, o Blues TP ou a Moti- xunto con estreas absolutas ou montaxes que chegarán á cidade aos poucos días da súa presentación no circuíto escénico estatal. A programación do Teatro Principal para o que resta do ano 2021 foi presentada no espazo cultural pola directora do mesmo, Olga Mojón; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e César Fernández Gil, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense.

Entre a programación do Principal para estes meses figura a estrea absoluta da nova montaxe de Sarabela Teatro. Semente de Nós, que así se titulará a obra na que participan Sarabela e Ollo Vivo, toma como base o centenario da publicación do primeiro número da revista Nós e o legado dese proxecto e da xeración do mesmo nome. 

O reencontro do Principal co público chegará o próximo día 10. Nesa xornada e na seguinte será cando se poderá ver a montaxe A lúa vai encuberta, un espectáculo dirixido por Tito Asorey que toma como base un texto de Manuel María e que está protagonizado -ademais de polo propio Asorey- por Melania Cruz, Davide González e Vanesa Sotelo. Unha semana despois, o 17, estarán sobre o escenario ourensán Javier Gutiérrez, Mónica Regueiro, Daniel Pérez Prada e Vicky Luengo con «Principiantes». Setembro tamén traerá unha nova edición do festival de poesía Imos ter máis que palabras, que se celebrará o día 23. 

As actividades do OUFF, aínda por presentar, ocuparán a axenda do Principal do 24 de setembro ao 3 de outubro. 

Do Blues TP á Pardo Bazán

En outubro poderase gozar dunha nova edición do Blues TP, que este ano recupera formato e ofrecerá dous días de concertos: 8 e 9 dese mes. O Fito, que se presentará nas próximas semanas, centrará a programación entre os días 13 e 24 do próximo mes. Antes do remate do festival, o día 22, o espazo cultural ourensá acollerá o concerto da Real Filharmonía de GaliciaAdemais da xa citada estrea de Sarabela -29 de outubro- pechará o mes coa recuperada montaxe Las criadas -día 31-. 

Novembro comezará recuperando o formato presencial para o certame musical Musgo na súa terceira edición -día 6- e para a seguinte xornada está preparada a representación da montaxe Cigarreiras, de Quico Cadaval. Para crear o espectáculo baseouse na obra La tribuna, de Emilia Pardo Bazán. O CDG traerá o seu O charco de Ulises o día 12 de novembro e o Principal recuperará as sesións familiares dous días despois coa obra La loca historia de la literatura. As propostas escénicas Amar e Pioneras -días 21 e 26 respectivamente- e o concerto de Voces Femeninas -día 27- pecharán a programación dese mes. 

O Principal rexistrará una ampla actividade no último mes do ano. Xunto a citas xa clásicas como a sesión de gospel ou o Concerto de Nadal -días 16 e 22 de decembro- chegarán as obras da Moti, a Mostra de Teatro Infantil, nos últimos días do ano. Comezará o mes co concerto de Cracker, o día 4. Chevere e o Centro Dramático Nacional estarán os días 10 e 11 de decembro cunha proposta que aínda está pendente de estrear: Nevermore. Un día despois chegará o Pinoccio do grupo Ghazafelhos. Cristina Pato e Xaime Fandiño son os protagonistas da proposta que chegará ao espazo cultural da rúa da Paz os días 17 e 18. Esenciais 20/50 mestura arte, sociedade, idade e estereotipos nun laboratorio de creación e pensamento. 

Páxina renovada e abonos

Na presentación amosouse a nova imaxe da web do teatro e anunciouse que xa están á venda os abonos da tempada.