Atrévome a trazar unhas liñas de reflexión sobre o proceso de democracia interna que está a acontecer no partido socialista na provincia de Ourense. Non existe a candidatura perfecta, nin algoritmo que sexa capaz de escoller a mellor. Se o partido socialista contratara esta tarefa ao centro de intelixencia artificial sito na Molinera, atoparíanse co baleiro do cero. Teñen entón que recorrer a ese procedemento recollido nos seus regulamentos que é a votación.
Interpretamos o contexto para ter unha idea aproximada do que se xoga; non hai cambio político na provincia sen o partido Socialista. É necesario un partido solvente se queremos remudar a Deputación e máis os concellos. Neste escenario, quen confronta o estado natural é unha alternativa, unha oferta ao mercado político. Aínda que interactuaran entrambas candidaturas, sen unha ganancia para as dúas, faise preciso decidir co voto entre un presente ou un futuro.
Numero tres puntos precisos para ter un partido Socialista solvente. O primeiro que necesita o PSdeG é un plan de apoio ás agrupacións locais, minguadas día a día. Casos como os de Castrelo de Miño, Viana do Bolo e agora San Amaro, dan a sensación de que o PSOE non cumpre o que asina e provoca rupturas de coalicións e acordos de goberno sempre que á parte prexudicada non é o propio PSdeG.
Dificilmente poden marcarse obxectivos gañadores se as agrupacións provinciais non están a altura. O segundo, é necesario un comité provincial que marque os obxectivos claros para os integrantes do partido; asesorar, mimar e respectar ás agrupacións locais de cada concello. O mesmo tempo implica afastarse das baronías comarcais que toman decisións arbitrarias. Por último, é preciso unha nova dirección na cidade. A capital de Ourense, que agrega a un terzo da poboación da provincia, precisa dunha dirección á altura do traballo que queda por facer, un concello sobre o que caeu unha atómica bomba.
Mal argumentan as candidaturas a repetida frase do interese persoal, xa que a todos se lle pode devolver tal cuestión; o candidato que sexa quen de establecer unha ponte entre o interese colectivo e o persoal subirá un chanzo. O que realmente importa é como interpretan a provincia. Temos confianza en que os novos equipos que saian dos procesos electorais internos saiban cumprir cos seus compromisos, con honestidade e transparencia.
Entre eles, caravel ou rosa. Para os demais, tristemente, toxo verde.