Ana Méndez: «Ter o selo de Galicia Calidade aporta valor engadido e xera máis demanda»
OURENSE
A responsable da certificación da Xunta de Galicia aposta por contar con máis presenza ourensá
16 abr 2023 . Actualizado a las 00:26 h.Chegaba Ana Méndez Gil (Ourense, 1976) á xerencia de Galicia Calidade logo dunha longa experiencia no sector da viticultura e da xestión empresarial. Unha responsabilidade na que colleu a testemuña de Alfonso Cabaleiro e na que considera chegado o momento de darlle un novo pulo a un proxecto creado hai un cuarto de século e que está a aportar un valor engadido para a actividade que se está a desenvolver por parte das empresas galegas. Acredita en que o selo «Galicia Calidade» ten prestixio e recoñecemento, que aporta valor engadido a quen o ten e os seus obxectivos pasan por espallar moito máis a iniciativa para que se considere unha certificación pola que loitar, incentivar a presenza ourensá na relación de empresas acollidas e avanzar coa aposta de espallar a nosa imaxe fóra como bandeira.
—Galicia Calidade é unha marca coñecida polos galegos ou existe aínda descoñecemento arredor da mesma?
—Ten un recoñecemento e unha identificación que están perfectamente asentados e consolidados. Galicia Calidade botaba a andar hai xa 25 anos con catro empresas —Coren, Jealsa, Rianxeira e Estrella Galicia— e neste tempo conseguiu ser unha referencia entre nós e mesmo fóra de Galicia.
—Cal é o procedemento para acollerse á certificación?
—As empresas póñense en contacto connosco e xa se lles informa do proceso a seguir para que coñezan o protocolo que deben cumprir para conseguir a certificación. Unha vez cursada a solicitude Galicia Calidade fai a auditoría dos produtos ou establecementos que se queren acoller e decídese ao respecto.
—Acceder á marca garante un recoñecemento definitivo ou avalíanse as concesións regularmente?
—Faise unha auditoría anual de todos os produtos. Se a mesma é positiva mantense a certificación. De haber anomalías comunícanse para que se corrixan e se as deficiencias son graves pérdese a distinción.
—Están acollidas 140 empresas e 400 produtos. Maioritariamente do sector agroalimentario.
—É o que ten máis presenza e tamén ao que pertencen as empresas que empezaron con Galicia Calidade. Dito isto tamén debo sinalar que están acollidas á marca sectores como a hostalería, xoiería, artesanía, turismo, industria e outros. O que se certifican son produtos, non empresas.
—A cantidade de firmas é algo representativo ou debería haber máis propostas acollidas?
—É unha das liñas de actuación nas que se vai incidir. A miña intención é promover unha campaña para espallar a marca, que chegue ao maior número de empresas posible e que se vexan as vantaxes que lles pode aportar acollerse a unha marca como Galicia Calidade para os seus produtos.
—As empresas valoran contar coa certificación para potenciar a súa actividade comercial?
—Si. Saben que lles aporta valor engadido e que o recoñecemento xera interese e demanda, tanto na dimensión local como fóra. Ademais de haber moitos galegos na emigración que apostan polo que se está a facer aquí, comprobas que a marca e levar a palabra «Galicia» son garantía de calidade e prestixio para os consumidores.
—Leva dende decembro como xerente. Que obxectivos se marca?
—Aumentar o número de rexistros e de empresas que forman parte do noso selo, desenvolver os proxectos necesarios para darlle máis valor á marca Galicia Calidade para que se coñeza a nivel nacional e promover accións para darlle visibilidade internacional. O obxectivo pasa por promover estas accións nun horizonte de futuro próximo para que sexan realidade nun prazo de dous ou tres anos.
—Que presenza ten a certificación na provincia de Ourense?
—Esa é unha das eivas coas que me atopei. Temos sobre todo produtos do sector agroalimentario, algo que é normal pola actividade que se rexistra na mesma. A representatividade non é boa; falo de memoria, pero creo que dos 140 produtos uns quince ou vinte corresponden á nosa provincia. Incrementar ese número é un dos retos que asumo como propios porque creo que temos potencial para iso.
«O obxectivo é conseguir un incremento dun 20 ou 30 % nos próximos anos»
Unha das premisas que se marcou Méndez é coñecer e falar coas empresas vencelladas ao selo que cumpre neste 2022 os seus 25 anos de historia para saber das súas inquedanzas e cal é a valoración que fan da certificación. Di sentirse satisfeita das xuntanzas celebradas ata o de agora.
—As firmas co recoñecemento valoran esta figura?
—Están encantados. Eles mesmos son os que promocionan a propia marca porque están orgullosos do selo, xa que teñen comprobado que esa circunstancia os axuda e hai un maior retorno e demanda dos seus produtos. É máis, non hai ningún caso dunha empresa que perdera o recoñecemento por un proceso de non conformidade. Saben que lles dá un valor engadido e coidan moito ese aspecto.
—Cre que haberá unha maior demanda no futuro?
—A miña intención é que cada vez haxa un maior número de empresas amparadas polo selo. Imos facer charlas informativas para que sexa máis coñecido, contarlle que vantaxes poden ter e xerar un interese cara ao mesmo. O meu obxectivo pasa por conseguir un incremento de referencias de entre un 20 e un 30 % nos próximos dous ou tres anos. Temos que promover eventos propios, que era algo que antes non se facía.
—Como se incidirá na promoción exterior?
—Ter o logotipo de Galicia Calidade axuda moito na exportación. Queremos incidir neste apartado, iso é algo que temos claro e está decidido, e valoramos que opcións poden ser mellor porque hai que promover accións específicas: o que lle pode ir ben á hostalería ao mellor non funciona coa industria. Algúns apostan pola participación en feiras. Tamén é unha opción traer á xente de fóra para ver como se traballa aquí. Iso serviría para beneficiar a varios sectores.
Unha apaixoada do mundo do viño que vén dunha familia do Ribeiro
A tradición familiar da xerente de Galicia Calidade chanta a súa orixe nas terras do Ribeiro. Dende os anos 40 do pasado século o viño é o sinal de identidade dos seus. Naquela altura creou a empresa Manuel Méndez Villanueva, tomando logo o relevo en Bodegas Campante o seu fillo José Luis. A terceira xeración chegou da man das irmáns Ana e Laura Méndez Gil. Ao Ribeiro engadiuse logo a denominación Rías Baixas, coa adega Morgadío, e nese proxecto familiar é no que desenvolveu a súa actividade profesional. Ana Méndez licenciouse en Administración e Dirección de Empresas en Madrid, asumindo a responsabilidade de directora de exportación do Grupo Reboreda Morgadío. Formouse como sumiller no Instituto Galego do Viño e no 2018 creou o seu proxecto persoal, Genus de Vinum SL, con tres viños acollidos ás denominacións de orixe Ribeiro, Rías Baixas e Ribeira Sacra.
—Sempre traballou no mundo do viño ou comezou noutro sector?
—Cando fixen os últimos exames da carreira xa estaba traballando na adega. E antes xa o facía nas vendimas ou cada vez que viña á casa.
—Estivo en AJE, Executivas Galegas e outros organismos.
—Sempre estiven na parte comercial e logo en exportación. Iso significou viaxar por todo o mundo e coñecer a moita xente. E sempre me gustou implicarme en proxectos e traballar para que as cousas, calquera na que estea metida, avancen e vaian a mellor.
—Mantén o seu proxecto persoal de Genus de Vinum?
—Si. Quería facer algo distinto e cunha imaxe diferente. Son producións pequenas, elaboracións moi coidadas e dirixidas á canle da hostalería e de gama alta. Antes bebíase máis viño, pero agora a clientela é menor e faise difícil chegar á xente nova. Daquela hai que buscar alternativas.
—Estivo no consello regulador do Ribeiro. A eterna loita contra os elementos?
—Hai moitos problemas que inciden nesa realidade. Non hai relevo xeracional —algo que é común a outras zonas—, logo está o minifundismo —que ao mellor deberíamos vender como algo a exportar que non teñen os demais— e a materia pendente é a comercialización. Aí temos moito que aprender e queda un gran traballo por diante.
Quen son:
«Unha persoa moi responsable e amiga dos seus amigos. Traballo e responsabilidade son os dous valores que me caracterizan, xunto co apoio á xente. A vida é iso. Seino por experiencia, polas perdas dos seres queridos e a dureza da vida, pero adáptome e repóñome para saír adiante»