Fernando Varela, exedil do BNG en Ourense: «Pilar de Lara fixo rebentar ao goberno municipal»
![Miguel Ascón Belver](https://img.lavdg.com/sc/6lO4dQrys72TmhFgFGYxQkRD7pU=/75x75/perfiles/142/1623262819504_thumb.jpg)
OURENSE
![](https://img.lavdg.com/sc/cj8Nzy8bD8uj298IK0MwXFGo6cM=/480x/2022/05/12/00121652385241530508814/Foto/OY13C3F1_3.jpg)
Dez anos despois de dimitir, o exconcelleiro do Bloque carga contra a xuíza da Pokémon
13 may 2022 . Actualizado a las 09:00 h.A Xosé Fernando Varela Parada (Ourense, 1960) levárono detido o día 26 de setembro do ano 2012 e, desde entón, carga coa cruz de «investigado» na Operación Pokémon, como tantos outros en toda Galicia. Aquel caso, dividido despois en pezas, tronzou a carreira política do exconcelleiro do BNG, que levou, en diferentes etapas, as áreas de Deportes e de Tráfico no goberno bipartito co PSOE. Trala súa detención dimitiu inmediatamente e, pasados dez anos, unha das pezas da Pokémon que lle afectaban quedou arquivada.
—Tivo que pasar unha década. Parécelle normal?
—A verdade é que non. Está claro que, cando a xustiza é tan lenta, non é xustiza. Dez anos para isto creo que non é normal. Xa o dicía Eduardo Galeano, que a xustiza é coma as serpes, só morden aos descalzos. E, neste caso, mordeu a moita xente.
—Confiaba nunha resolución positiva neste caso?
—Si, confiaba plenamente. Estaba convencido de que non había nada, de que era inocente e a miña organización política, o BNG, tamén estaba convencida. Non teño ningunha queixa a respecto disto. Xa daquela, cando sucedeu todo, era o portavoz nacional Guillerme Vázquez e o apoio que tiven desde o primeiro momento, porque sabían da miña inocencia, foi claro. Estabamos convencidos que non había nada e así quedou demostrado.
—Visto con perspectiva, arrepíntese da decisión de dimitir tomada naquel momento?
—Eu dimitín en horas, se lembras. A nosa situación foi complexa e diferente a todas porque hai que recordar que houbo unha detención. A señora xuíza converteu aquilo todo nun circo. Hoxe a situación está cambiando a respecto de cando se debe dimitir, pero eu, naqueles anos, tiña claro que debía dimitir, aínda que non fora detención, se só fora imputación, que creo que chegaba. Aquelas detencións foron o que puxeron a Ourense no disparadeiro e fixo rebentar ao goberno municipal. Eu non me arrepinto de ter dimitido, creo que foi unha decisión ben tomada naquel momento e a miña organización tiña claro que eu ía dimitir en canto chegara de Lugo. E cheguei de Lugo e dimitín en horas.
—Que opinión lle queda da xuíza Pilar de Lara?
—Iso terán que dicilo os xuíces, que parece que xa a cambiaron de destino e que estivo castigada uns meses. Creo que equivocouse completamente, pero prefiro non dar máis opinións. A verdade é que non lle gardo rancor a ninguén, tampouco a esa señora, pero creo que errou e as probas están aí.
—Penalmente, quedou arquivada esta asunto. Actuou vostede tamén de forma ética?
—Estou convencido de que si. Sempre tiven a conciencia moi tranquila e todo o mundo que me coñece en Ourense sábeo. As relacións coas empresas eran unhas relacións normais e non cometín ningún erro nin sequera ético ou moral. Foron anos duros porque aquel goberno recibiu por todos os lados, pero tamén traballamos moito e agora creo que incluso se nos bota de menos.
—Segue vostede como investigado noutras pezas da Pokémon. Espera que todas queden en nada como esta?
—Si, confío eu, confía o meu avogado, confía a miña organización, que todo siga o mesmo camiño, que non se chegue a abrir procedemento nin nada. Todo isto ten que quedar como está quedando, non era nada e foi un erro da xustiza.