O gran piñeiral

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

26 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Levanto da cadeira para asomar ao corredor que teño sobre o Miño, e na liña que fan os campanarios de Santa María e Sampaio continúo na imaxinaria ata o cumio do Coto de Novelle. Este accidente topográfico é recurrente no meus textos por ser un límite á miña mirada da contorna. ¿Que hai detrás? Detrás hai un gran piñeiral, que cruza dende Toén a Portugal, o gran piñeiral de exuberante enerxía calorífica.

O fronte resinoso continuo é o gran problema social-medioambiental do século XXI da provincia no escenario de cambio climático global. Ao mesmo tempo que xeracións deixaban a aldea, os incendios quedan na parroquia; as migracións nos cincuenta, a finais dos setenta, nos noventa, e agora a volta ao rural pero sen a vida labrega, conduce a un escenario de catástrofe. Expertos na materia din que xa non se trata de aumentar medios, a cantidade de enerxía contida no sistema, xa non se poden domesticar, a xestión do territorio é a única solución. Cada día enfróntome a novos retos, e con quen despacho, poñemos sempre como punto de partida, o respecto ás leis da termodinámica. A enerxía contida neste gran piñeiral é inmensa, agora tan acostumados a kilovatios e megavatios, aquí estamos a falar da orde de xigavatios. Fronte a esta magnitude non hai capacidade de parapeto, e teñen que ser factores externos quen nos ampare, como rogativas, rezos ou procesións. Deter un lume no gran piñeiral ou no gran eucaliptal será unha tarefa titánica se non contamos con descontinuidades: masas de frondosas, terreos cultivados, incluso aldeas modelo e polígonos agroforestais. Os perímetros de autoprotección son a última liña de defensa fronte ao inferno. A ordenación territorial debe estar acorde ao escenario de cambio climático. Damos por imposible a solución común e queda « el sálvese usted»; porén, para a instalación de industrias que procesan pasta de madeira si hai a financiación común para fines privativos. Por exemplo, as declaracións de Altri: «ou millóns (250) de todas ou todos, ou non hai industria nas Ulloas». Con eses cartos ¿ que se podería facer no gran piñeiral?¿ poderían ser os veciños do sur de Ourense os custodios do territorio, e a riqueza ser distribuída e ao mesmo tempo garantida a supervivencia? A grande dificultade é coma sempre un problema de folla de cálculo: o valor dun piñeiro vivo é a única conta que nos ten que saír a suma. ¿Canto custa no balance ter uns veciños donos do seu e non ter que deixar a provincia abandoada pola provincia emborrallada?