Como quen calceta un fío, cando chegamos á sobremesa en calquera restaurante de menú, escoitamos a ladaíña de exquisiteces, pexegos en almibre, tarta de Santiago, froita do país…, que culmina cunha palabra dita ás présas, tartalada. A tarta xeada é aquela sobremesa que temos no recordo de finas escamas de chocolate e nata, a popular Comtessa, e que agora é de calquera marca de distribuidor.
Os mandatos nos concellos da provincia de Ourense atópanse nese preciso momento, no da sobremesa. O apuntador da comanda anota o postre só para os concellos da corda; para os outros, aínda con necesidades perentorias de equipamentos básicos para a veciñanza, sete tazas de caldo. Parece que me repito como aqueles primeiros de zorza con patacas fritas: o reparto dos fondos sen criterios obxectivos consegue empobrecer a provincia e non crea tecido que se sosteña por si mesmo.
Na capital da provincia non soamente veu o mozo, tamén apareceu o dos licores, para regar a tartalada, como quen non ten conta do seu, ofrece chupitos para todas e todos, e de marca. Así está a situación da mesa e mantel da provincia, con louza de Duralex, tarta xeada de marca de distribuidor, e whisky Macallan, como quen non tivera outros problemas acuciantes que atender.
É preciso ter un debate público de como se executaron durante estes anos os orzamentos municipais e os da Deputación. Se os datos son os estatísticos do Estado, volvemos a ocupar o ultimo chanzo naqueles indicadores que garanten a supervivencia nas próximas décadas. Na propaganda diaria dos mozos, nunca probamos unha tartalada como esta.
Quen comía de menú, hoxe leva a tarteira da casa para ir aforrando euro a euro os custes da vida, que caen coma un pau. Aos mandatarios, que se lles presupón unha capacidade para ir moldeando o futuro cara unha riqueza compartida e equitativa, e ao mesmo tempo máis segura e máis san para a sociedade, sorprende cando malgastan os esforzos económicos da cidadanía en chilindradas.
Non estamos por riba dos tempos que nos tocan vivir, pero aínda estamos no momento de escoller entre a tartalada, que ademais ten un perfil de lípidos desaxustado, ou escoller a froita do país, que sen dúbida nos aportará uns beneficios máis saudables para nós e máis enriquescedores para a nosa contorna.